AGN/Xeración.
Hai só uns días a Comisión Europea deu os primeiros pasos a liquidación das cotas lácteas, que segundo as súas previsións chegará en 2015. Se todo marcha como quere Bruxelas, o sector lácteo liberalizado chegará nun prazo de oito anos. Nesa contrarreloxo terá que loitar pola supervivencia o leite galego.
Os produtores lácteos en Galicia auguran que a partir de 2015 poucos serán capaces de soportar o envite da liberalización, febles e endebedados pola compra de cota para aumentar a produción.As industrias, pola súa banda, aplauden a apertura do mercado lácteo e vena como "unha oportunidade" para saber a posición real que o leite galego ocupa no mercado.
Luis Calabozo, director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) lembra que a produción española de leite só cobre o 65% da demanda porque o sistema de cotas é asimétrico. Mentres Irlanda produce seis veces o seu consumo, España conta con pouco máis de seis millóns de toneladas de cota -2,2 en Galicia- e consome máis de nove millóns de toneladas leite.
Empeñarse para producir
Pero a cota xerou, no momento de implantarse, unha dinámica difícil de romper. Higinio Mougán, xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), está convencido de que un futuro mercado lácteo liberalizado "castigará duramente ao pequeno produtor, o sector lácteo quedará a mercé do mercado".
O líder de Agaca reclama unha compensación económica para os gandeiros que durante os últimos anos investiron na compra de cota láctea. "Hai cooperativas que xestionaron créditos de máis de 400 millóns das antigas pesetas; e se non hai compensacións sería un disparate, unha tolemia".
O Sindicato Labrego Galego e Unións Agrarias son da mesma opinión. Sosteñen que o actual sistema, a pesar dos seus defectos, garantía a viabilidade de pequenas e medianas explotacións, non só das grandes. Lembran que boa parte delas conseguiron crecer á conta de importantes investimentos en mercar cota, e que estes cartos non estarán amortizados no horizonte de 2015.
As estimacións da Federación de Empresarios Produtores de Lácteos (Feplac) elevan a 540 millóns de euros a factura que debería pagar a Unión Europea en concepto de indemnización a todos os gandeiros que se empeñaron para así poder producir.
''Dependerá das compensacións''
Os petos agrarios endebedados para mercar cota, e que aínda non amortizaron o investido, son precisamente o principal obstáculo co que chocará a UE para pórlle fin ao sistema de cotas. O ex conselleiro de Agricultura e profesor da Escola Técnica Superior de Lugo (USC), Francisco Sineiro, opina que os principais interrogantes da proposición de Bruxelas debúxanse ao redor da compensación que a Unión estableza para indemnizar aos produtores por eliminar a cota, dados os seus investimentos en mercala.
Admite que o cambio "abrirá incerteza cara ou futuro, tanto polo sistema de control como pola forma en que funcionaría", e cre que será necesario dispór dalgún sistema de regulación. Recorda que moitas explotacións galegas, pese a endebedarse coa compra de cota produtiva, non adquiriron o tamaño medio suficiente para competir fronte a outras da Unión Europea.
Os datos do MAPA apuntan que, na última campaña, unha granxa láctea media de Galicia pasou de xerar 134.000 quilos en 2005 aos 150.000 de 2006. O conxunto de cota da comunidade ascende a case 2,2 millóns de toneladas, a mesma cantidade que poden achegar, por exemplo, dúas ou tres explotacións danesas ou holandesas.
Con todo, Sineiro lanza unha mensaxe de calma: "É unha proposta, só unha avaliación que fai a comisaria europea sobre os posibles cambios na política agraria europea". E insiste en que non todos os estados apoian a iniciativa da comisaria de Agricultura, Mariann Fischer.
''Descapitalización do sector''
Manuel Bouzas, secretario xeral da Federación de Empresarios Produtores de Lácteos (Feplac), incide no mesmo problema. Na súa opinión, a liquidación do sistema de cotas significa a "descapitalización do sector". Explica que moitos gandeiros galegos empregan a cota como un patrimonio máis, como un aval á hora de presentarse ante unha entidade financeira.
Os produtores da Feplac agrupan o 37% da cota láctea española e o 27% da galega. En base aos seus asociados, a Federación calcula que en Galicia cambiaron de mans preto de 1,2 millóns de toneladas desde 1995, unhas 100.000 cada ano. Os gandeiros galegos pagaron unha media de 0,45 céntimos de euro por cada quilo. Bouzas é tallante "o Estado rouboulle aos gandeiros ao redor de 540 millóns de euros". Esixe por tanto unha compensación se chega a liberalización.
Caída dos prezos
O outro gran temor dos produtores ante a desaparición da cota é a caída dos prezos. Higinio Mougán augura oscilacións, "subirán e baixarán, en función da demanda, como dentes de serra". Estima que o prezo do leite poderá estar entre os 20 e os 50 céntimos de euro, "oscilará máis dun 100%". Por iso, lembra que a cota tiña as súas vantaxes porque, "dá estabilidade ao mercado e abastéceo cunha mínima rendibilidade".
En canto ás empresas, o xerente de Agaca cre que "se abastecerán onde haxa leite, e a prezos baixos", polo que as industrias e explotacións produtivas terán que aliarse. Na súa opinión, non só deixarán de existir explotacións, senón que "tamén desaparecerán industrias".
A Feplac tamén augura unha caída de prezos do leite a partir de 2015. "Agora o prezo que nos pagan aos produtores permite unha marxe de beneficio", indica Manuel Bouzas. "Coa suspensión das cotas, a produción duplicarase e os prezos caerán en picado", polo que augura "a desaparición de moitas explotacións agrarias".
25/11/2007