Datos de interés

  • Sábado 17.05.2008

Ceremonia de clausura do Festival

'True North' recibe o Gran Premio Calpurnia á Mellor Película do Festival de Cine de Ourense


Etiquetas: Ourense, cine, audiovisual

AGN.

A película alemá True North resultou hoxe gañadora do Gran Premio Calpurnia á Mellor Película do Festival de Cine de Ourense, dotado con 18.000 euros. Ademais, o director do filme, Steve Hudson, fíxose co Premio Calpurnia 'Carlos Velo' ao Mellor Director, cunha achega económica de 4.000 euros.

O xurado, composto por Manuel Pérez Paredes, Jorge Algora, Óscar Suárez, Nuno Filipe Cubal e Patricia Ferreira, valorou a película por "abordar cuestións tan próximas a Galicia como a crise do sector pesqueiro e as redes ilegais de tráfico de emigrantes", a través dun guión "tan realista como conmovedor". Do labor de Hudson destacou a "excelente dirección de actores", así como a "difícil posta en escena no interior dun barco".

O xurado concedeu por unanimidade o Premio Especial, dotado con 1.500 euros, á húngara A viaxe de Iszka, porque "fala da descarnada historia dunha infancia amputada, da perda dos valores fundamentais e das secuelas do liberalismo salvaxe nos países do leste de Europa". Ao tempo, subliña o "forte compromiso social" da selección de películas a concurso.

No apartado de interpretación, os premios recaeron en Hermila Guedes, por El cielo de Suely, e en Eberhard Kirchberg, por Alle Alle, papel no que constrúe un personaxe "especialmente entrañable, cunha sutil economía de recursos xestuais".

Fin de festa
Coa entrega de galardóns clausúrase a XII edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, ao que hoxe asistiu o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, quen salientou que o sector audiovisual galego debe apostar pola "difusión da identidade propia" e ter ao tempo unha "mirada aberta que o permita reinventarse". Asemade, comparou o sector co propio Festival, cunha mirada propia e aberta".

Quintana louvou a aposta pola innovación realizada polo festival este ano, e salientou non só a exhibición interactiva das obras audiovisuais, senón tamén o novo formato dunha plataforma de intercambio e reflexión entre profesionais e institucións.

Sección documental
Na sección competitiva de documental, a XII edición do Festival de Ourense premiou Skyggenes Dal, de Morvary Samaré e Astrid Schau-Larsen, polo tratamento dun tema "enormemente conflitivo" como o abuso sexual infantil, realizado con "sutileza e respecto". A cinta levou 2.000 euros como galardón.

O xurado, composto por David Blaustein, Alberte Pagán e Pablo García, tamén distinguiu o labor do director Driss Deiback, polo documental Los perdedores, onde "redescobre un tema negado e esquecido na guerra civil española". A mención especial foi para Heavy Water: a film for Chernobyl, de David Bickerstaff e Phil Grabsky, que inserta o "devir persoal" no contexto histórico-social da traxedia de Chernobyl cunha "sabia e poética montaxe" con imaxes preexistentes.

Sección curtametraxes
A galega Temporada 92/93, de Alejandro Marzoa, levou o Premio á Mellor Curtametraxe Galego-Portuguesa Eixo Atlántico, dotado con 1.500 euros, e outra produción galega, Bechos raros, foi honrada cunha mención especial no apartado de guión.

O xurado do apartado de curtas, composto por Tim Redford, Comba Campoy e Alfonso Pato, outorgou o premio á mellor curtametraxe á eslovaca Tricko, the t-shirt, por "amosar dun xeito contundente, a través dun guión eficaz e duns actores solventes, un conflito tan presente na sociedade occidental como a intolerancia entre culturas".

O premio á mellor dirección foi para o británico Simon Ellis, por Soft. Como mellor actor e actriz, distinguiuse o labor de Natalia Dicenta por Propiedad Privada e de Jimmy Lindstrom, pola curta sueca Berusningstudiem.

24/11/2007

4'4 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Imaxe de
Imaxe de "True North", premiada no Festival de Ourense

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso