Susana Rodríguez. AGN.
As mulleres son maioría na Universidade, pero só entre o alumnado. Nos órganos de poder teñen unha representación mínima, segundo recolle o informe 'Mulleres na Universidade pública 2007' elaborado polo Ministerio de Educación e Ciencia. Nas institucións universitarias de Galicia, só hai un 13% de mulleres catedráticas: 72 exercían nas aulas galegas no curso 2005-2006 fronte aos 474 catedráticos que facían o propio.
No conxunto estatal as cifras son similares. Mentres seis de cada dez titulados nas 48 universidades públicas son mulleres, elas ocupan apenas o 14% das cátedras. En canto ás ramas de ensino, España rexistra a maior porcentaxe de catedráticas en Humanidades (21%) e a menor nas Ensinanzas Técnicas (5,4%). E só hai tres reitoras en todo o Estado.
As mulleres representan cerca do 60% do alumnado que enche as aulas das universidades galegas, atendendo aos datos do curso 2007-2008 achegados polas tres institucións. En total, 71.203 persoas cursan estudos universitarios en Galicia, das que 40.877 son mulleres. Só nas carreiras de carácter técnico predominan os homes. Elas non só constitúen unha maioría en número, senón que tamén posúen os mellores expedientes.
Suspenso en paridade
Pero cando deixamos de ver as cifras do alumnado, e pasamos ao mestrado e aos cargos directivos son eles os que ocupan a maioría dos postos. Nos primeiros niveis do profesorado as diferenzas entre os dous sexos son menos acusadas. Nas tres universidades galegas hai 770 mulleres profesoras titulares e 1.111 homes, pero conforme ascende a categoría académica, a presenza feminina dilúese. Pasa coas cátedras, pero tamén se ve nas direccións dos departamentos e das escolas universitarias, nos decanatos e nos vicerreitorados.
Esta discriminación nos altos cargos faise especialmente notoria na Universidade da Coruña, onde a presenza de mulleres nos cargos unipersoais de carácter electivo -decanas de facultade ou directoras de mulleres Escolas Técnicas Superiores e Escolas Politécnicas Superiores- non chega ao 8%.
Na Universidade de Santiago de Compostela, as mulleres e os homes profesores titulares áchanse en equilibrio paritario (43,6% e 56,3%, respectivamente). Pero isto non se corresponde cun aumento de mulleres catedráticas, que só representan o 12,4%. Na universidade de Vigo, a porcentaxe de profesoras titulares sitúase no 38%, e as catedráticas representan o 18,5%.
25/11/2007