AGN.
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, anunciou hoxe que os concellos gobernados polo seu partido porán en marcha no primeiro trimestre de 2008 tres bonificacións nas taxas municipais para que "as familias numerosas paguen menos, os vehículos que contaminan menos paguen menos e, cando morre unha persoa, o descendente que herde pague menos en plusvalías".
Núñez Feijoo clausurou o Comité de Cidades que o PPdeG celebrou en Vigo, onde xustificou a necesidade das súas propostas ante "a insensibilidade" dos Gobernos autonómicos e central. Segundo anunciou, implantarán melloras no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e noutras figuras impositivas para beneficiar "aos que teñen menos" e tamén para compensar a non eliminación do imposto de sucesións e doazóns por parte da Xunta.
Medidas
O líder dos populares galegos comprometeuse a que os concellos do PPdeG establezan unha bonificación dun 95% no imposto que grava as plusvalías sobre vivendas herdadas por causa de morte. Ademais, rebaixarán polo menos ata o 50% a cota do IBI aos titulares de familias numerosas.
A terceira das medidas é un aforro do 75% no imposto de circulación para vehículos de tracción mecánica ecolóxicos, durante os primeiros catro anos tras a súa adquisición. As actuacións anunciadas por Núñez Feijoo son, segundo dixo, complementarias á reforma fiscal que anunciou o presidente do PP, Mariano Rajoy, se gaña as próximas eleccións xerais.
24/11/2007