Axencias/Xeración.
Australia remata con máis de 11 anos de Goberno conservador logo de que o Partido Laborista se impuxese nas eleccións lexislativas á Coalición Liberal do actual primeiro ministro. Escrutados o 57% dos votos, o partido de Kevin Rudd, ata o de agora na oposición obería un 53,8% dos votos, fronte ao 46% que consegue o partido conservador, liderado polo primeiro ministro John Howard.
Á luz destes primeiros resultados, o partido de Rudd ten asegurados xa 63 escanos dos 150 que compoñen a cámara parlamentaria australiana. A Coalición Liberal de Howard acada polo de agora 41 representantes na nova composición parlamentaria.
A número dous do partido laborista, Julia Gillard, foi a primeira en proclamar a victoria dos laboristas, ao declarar aos medios que "cos números que estamos a ver, os laboristas imos formar Goberno. Levantareime mañá como a viceprimeira ministra", engadiu.
Tras estas primeiras declaracións de Gillard, o primeiro ministro John Howard telefonou ao seu rival para recoñecer a derrota e dirixiuse aos cidadáns a través da cadea pública de radiotelevisión. "Deixo o cargo de primeiro ministro coa nosa nación máis orgullosa e máis próspera", manifestou. "Acepto a miña total responsabilidad pola campaña do partido Liberal e por tanto, a miña total responsabilidade pola derrota nestas eleccións".
En perigo a súa propia silla na Cámara
De feito, o actual primeiro ministro aínda non ten asegurado que manterá o seu propio escano no parlamento, polo distrito electoral de Bennelong. Co 73% dos votos escrutados, Howard conseguiría o 45% dos sufraxios, e a súa opositora Maxine McKew, o 45,9%. Esta dura pugna polo asento vese acentuada pola declaración dende o Partido dos Verdes, que teñen o 5,47 por cento dos votos do citado distrito electoral, e indicaron que apoiarán coa súa porcentaxe a candidatura de McKew.
Debido ao complicado sistema electoral australiano e ao axustadísimo resultado entre Howard e McKew, é posible que non se coñeza o gañador do distrito ata o escrutinio do voto emitido por correo polos australianos censados nese distrito electoral. De perder o seu asento no parlamento, que ocupa dende 1974, Howard convertiríase no primeiro xefe de Goberno australiano que o perde nunhas eleccións desde 1929.
Kioto, Iraq e política fiscal, os puntos clave
A pugna durante a campaña electoral foi intensa entre os dous partidos que dominan o escenario político australiano desde hai varias décadas. Destacaron sobre todo a diferenza de posturas sobre o cambio climático, a presenza das tropas australianas en Iraq e as políticas fiscais.
Rudd asegurou durante a campaña electoral que ten unha fórmula económica similar á da Coalición Liberal que preside Howard, cun cauto programa fiscal apoiado, con todo, con reformas profundas do sistema de saúde, a educación e a lexislación laboral.
Segundo Julia Gillard, a vitoria do Partido Laborista débese a que o goberno do primeiro ministro John Howard perdeu parte do apoio por mor de introducir a nova lexislación laboral e pola súa negativa a asinar o Protocolo de Kioto sobre o cambio climático. Este retroceso tamén se debeu, agregou a dirixente Laborista, "ao feito de que o goberno perdese a relación cos cidadáns".
24/11/2007