Axencias.
Cando menos 35 persoas morreron nun dobre ataque suicida en Rawalpindi, onde se atopa o cuartel xeral do Exército de Paquistán, no medio da tensión política que se vive no país na véspera do regreso ao país do ex primeiro ministro Nawaz Sharif.
Os atentados tiñan como obxectivo un posto de control militar e un autobús do Ministerio de Defensa e custáronlle a vida a 35 persoas e feriron a máis de 40, segundo fontes dos servizos de Intelixencia.
No primeiro dos ataques un automóbil cargado de explosivos impactou contra un autobús no que viaxaban empregados de Defensa. O segundo atentado tivo lugar nun posto de control preto da Oficina dos Cuarteis Xerais do Exército. O agresor fixo estoupar a súa carga cando dous militares lle pediron que detivese o seu vehículo.
Polo de agora ninguén reivindicou os atentados, aínda que os medios locais apuntaron á posible autoría de militantes radicais islámicos. Pola súa banda, o portavoz do Exército negou calquera fallo de seguridade en Rawalpindi, o corazón militar de Paquistán: "Os agresores non lograron entrar no cuartel xeral do Exército grazas á estreita seguridade; en caso contrario, as vítimas serían moitas máis", afirmou.
Tensión entre Goberno e oposición
Estes ataques chegan no medio da tensión polo estado de excepción declarado por Musharraf hai tres semanas, co argumento do aumento da violencia extremista e a "inxerencia" dos maxistrados na política do Goberno.
A medida foi fortemente contestada pola oposición, principalmente pola líder do Partido Popular de Paquistán, Benazir Bhutto. Tamén o ex primeiro ministro Nawaz Sharif, manifestou fortes críticas contra a actuación do goberno de Musharraf e anunciou a súa intención de regresar esta domingo a Paquistán desde Arabia Saudita, onde viviu nos últimos anos.
Sharif, dirixente da liga Musulmá de Paquistán (PML-N), xa intentou regresar en setembro pasado, pero foi deportado de novo polo réxime de Musharraf en canto aterrou no aeroporto de Islamabad. "O seu plan de regreso pechouse onte á noite", afirmou o secretario de Información do PML-N, que engadiu que numerosos líderes da formación e activistas teñen previsto acudir a Lahore para dar a benvida ao ex primeiro ministro.
De cara ás eleccións de xaneiro
Aínda que o réxime de Musharraf non se pronunciou sobre o regreso de Sharif, fontes do PML-N aseguraron que esta vez non será deportado, xa que Arabia Saudita xa non está disposta a acoller da o ex primeiro ministro de volta. Polo momento o partido de Sharif non anunciou se se presentará aos comicios do 8 de xaneiro, xa que é algo que negocia co resto dos seus socios do APDM, a alianza de partidos opositores á que pertence.
Tampouco o outro gran partido da oposición, o PPP da ex primeira ministra Benazir Bhutto, confirmou aínda se concorrerá ás eleccións, pero agárdase que así sexa, posto que foi un dos motivos iniciais do seu regreso a Paquistán hai uns meses.
24/11/2007