Anxa Correa. AGN..
O director de cine Carlos Amil (A Coruña, 1959) prepara a versión cinematográfica de A casa da luz, a novela de Xabier P. Docampo, que comezará a rodar en Galicia entre maio e xuño do vindeiro ano, con Betanzos como centro de operacións.
Na gravación participarán Manuel Olveira 'Pico', Gustavo Pernas e Susana Dans, entre outros, mentres que os cativos seleccionaranse nun casting que comezará proximamente por toda Galicia. Tras dous anos traballando en solitario o guión, chega o momento de que o director de Blanca Madison comparta o seu proxecto co equipo e "amortigüe o mono de rodaxe que tiña".
Pregunta: Cales son os retos que supón levar esta historia ao cinema?
Resposta: Estamos traballando coa dirección artística e coa dirección de fotografía no que é o entramado visual da película, xa que xogará un papel fundamental. Como o título indica, xira sobre conceptos de luz, que é fundamental á hora de facer unha película. Ademais os protagonistas, uns cativos de 10 e 12 anos, teñen que meterse nun cadro para rescatar outro, así que lle engadimos un papel importante á cor. É unha historia de aventuras infantiles onde o ben e o mal se transmutan na luz contra a escuridade e onde poderiamos falar da policromía fronte a monocromía, que sería unha forma de definir a visión da vida.
P: ¿Foi esa posibilidade de xogar coas imaxes o que máis lle chamou a atención da obra de Docampo?
P: Absolutamente. Por unha banda, a novela non era estritamente narrativa, o que no literario está moi ben, pero para contar unha película para cativos presenta certas dificultades. Por outra, pereceume tremendamente atractivo o abano de posibilidades que ofrecía meter dentro dun cadro o personaxe.
Ademais, o libro é tan aberto, que polo camiño tes que estar constantemente pechando portas que apetecía abrir, pero que tes que desbotar para que os nenos entren e vivan unha aventura ao estilo clásico. E é unha historia moi referenciada, dende o mundo de Alicia á Illa do Tesouro ou Jack London. Iso convérteo nun proxecto insólito, non só en Galicia, senón tamén no español, xa que non é un filme de animación.
P: ¿Como chegou ao texto?
R: Propúxomo o produtor, Xosé Xoan Cabanas Cao, que foi tamén produtor da miña anterior película, Blanca Madison. Cando lin o proxecto, a primeira sensación foi de abraio, primeiro porque a película entraba nunha dinámica case inviable para o cinema galego. Moitos elementos podíana comparar con Harry Potter e todas esas sagas de xénero fantástico, pero ao tempo atopei unha porta a esa casa na que non poñía "fantasía", senón "imaxinación". Iso permitía non entrar a desenvolver seres mitolóxicos fantásticos nin toda esa parafernalia que habitualmente existe nas películas dos cativos.
Se creabamos un argumento moi forte que enganchase , tiñamos unha resposta. A clave que me permitiu afrontala foi entender que ese mundo fantástico non é máis ca un espello do noso propio mundo.
Adaptar literatura ao cine
P: ¿Están traballando co autor?
R: Non, Xabier, que é un grande amador do cinema e a quen lle gustou a miña anterior película, dixo "Carlos, fai o que che pete coa obra". Entende que eu vou facer unha obra partindo do que el escribiu, que realmente vai ser algo distinto. Imos trasladar unha historia na que a palabra é un factor fundamental, a un elemento no que a imaxe é a que xogará ese papel. Que o autor entenda que a novela é súa e que a película é outra cousa, permite que traballes con liberdade e sen a presión de ter que agradar ao escritor.
P: ¿Cre que normalmente falla esa falta de confianza entre o mundo da literatura e o do cine?
R: Non creo que exista medo. Hai adaptacións, como a de Antón Reixa de O lapis do carpinteiro ou a de Ángel de la Cruz, con O bosque animado. Pero, malia que se vai consolidando unha certa industria audiovisual en Galicia, aínda non poden producir 20 ou 30 películas anuais, o que fai que se reduza importantemente o número de obras que se poden traducir a imaxes.
Por outra parte, en Europa aínda hoxe moitos directores queremos ser os propios guionistas e autores das nosas historias. Creo que o que non hai é a cantidade de películas que permitan adaptar, pero case todos os produtores teñen dereitos dalgunha novela ou teñen pagado unha opción a ese dereito, uns para cinema e outros para televisión.
'A casa da luz é unha especie de caramelo'
P: ¿Que proxección esperan darlle ao filme?
R: Confiamos en que vai ser unha película distribuída en toda España. A casa da luz ten unha vantaxe: dende un principio acadou financiamento en todos os sitios a onde se presentou, quizais porque o proxecto resulta unha especie de caramelo. Creo que hai preto de dez ou once anos que non se presentaba un proxecto destas características para toda a familia. Creo que iso garantirá un tratamento de distribución e de acollida de público moi diferente á miña anterior película.
P: ¿En que lingua se vai rodar?
R: O idioma de rodaxe é en galego, o que me enche de satisfacción, porque levo tempo reivindicando que dende as entidades tiñan que impór a obriga de que cada ano houbese polo menos unha película rodada en galego. Non quero con isto dicir que se impoña o idioma de rodaxe, pero non ten sentido que non houbera películas galegas faladas en galego ata agora.
Afortunadamente a cousa mudou, e este ano rodáronse un par de elas en galego, vai habendo un pequeno cambio. Cando porfiaba que se fixeran películas en galego, respondíanme que o mercado non o permitía, que a Televisión Española non mercaría. Pode que exista un cambio de rumbo, porque na TVE saben que rodamos en galego e a pesar diso, mércana.
P: ¿Intentarán estreala polo Nadal de 2008?
R: Iso intentaremos, haberá moita competencia, pero se logramos estrear nesa data será porque a película convence á distribuidora.
Apostar polo cine para cativos
P: A aposta polo público infantil, invadido por producións norteamericanas, ¿non é un tanto arriscado?
R: Si, hai unha aposta por chegar ao maior númeo de público posible. Vimbio Films quere encetar unha xeira de cine infantil e xuvenil. Sorpréndeme que o cinema español e galego non entrasen no terreo do público infantil e xuvenil cando existe en España e en Galicia unha potente industria cultural desta literatura. A casa da luz, foi publicada en catro idiomas peninsulares, con máis dunha edición, polo que existe un público potencial que vaia ver a historia no cine.
P: Para iso precisaría tamén moita promoción...
R: Se se decide poñer en Nadal, esa será a aposta. En Galicia estamos nun momento en que a industria da produción está máis ou menos asentada, pero creo que hai que dar un paso máis alá, que consiste na aposta seria e decidida, definitiva, pola promoción e distribución das películas galegas. Estou certo de que poden acadar máis público, pero ten que haber ese apoio dende a Xunta para crear esa imaxe de cinema galego de cara ao exterior. Parece que todo o mundo vai recoñecendo que hai unha calidade estándar de cinema galego, e que hai algunhas producións que están un pouco por riba.
24/11/2007