Miguel Pardo/L-V.
David Vázquez, Chapi (A Coruña, 12-4-1985), asoma a cabeza no Deportivo. Este central coruñés podería ser a sorpresa de Lotina no partido do domingo en Bilbao ante o Athletic. As molestias de Aythami e a súa polivalencia concédenlle moitas opcións.
“Aínda é cedo. Os que están mancados poden recuperarse”, di o futbolista, inseparable de Piscu na defensa do Fabril ata o salto deste último ao Deportivo. “El dime que estea tranquilo, que non é tan diferente á Segunda B”, asegura Chapi, que pode xogar tanto de central como de lateral dereito. “Ou de dianteiro, con tal de xogar... Éme igual”, asegura sorrindo.
"Un punto máis a favor da canteira"
Criado no modesto Oza e chegado xa hai anos ao Deportivo, o futbolista agradece a confianza de Lotina, quen o chamou para adestrar co primeiro equipo esta semana. “A verdade é que é un técnico que non dubida coa canteira. Xa o demostrou con Piscu e con Xisco, que é titular. É un punto máis a favor desta canteira”, di.
Xisco, Piscu e Chapi, tres alcumes para tres valores fabrilistas. “Si que parece o nome dun trío humorístico ou algo así, é un pouco de risa”, lembra este xogador. Se debuta no Dépor, acordarase da familia, dos amigos, da moza... Pero tamén dos seus adestradores no Oza “e de Tito e Juan, os do Fabril”.
O que si ten claro é que cumpriría “un soño”. “É a ilusión da miña vida. Imaxina: nacín aquí, son deportivista desde neno e a moitos dos compañeiros vinos xogar desde as bancadas”, asegura. Hai dúas tempadas foi convocado de urxencia, pero non debutou. Levara unhas botas vellas e fora en taxi. A Bilbao iría en avión.
23/11/2007