AGN (Santiago).
A demolición das chabolas que ata o de agora compuñan o poboado xitano do Vao arrancou sen incidentes. A decisión das familias de encadearse dentro das súas casas para evitar o derrube non serviu de nada, e os operarios contratados polo concello de Poio para botar abaixo as sete construcións ilegais do poboado iniciaron os traballos sen resistencias.
Ó mesmo tempo, o alcalde, Luciano Sobral, puxo en marcha unha rolda e negociacións cos portavoces de cada unha das familias nas dependencias da concellería do Benestar Social, situada a escasa distancia do asentamento chabolista.
As tensións dos veciños respondían á situación de desamparo na que se atopan, segundo explicou o presidente da Asociación do Pobo Xitano, Sinaí Giménez, que se persoou no lugar. Tal e como dixo, as familias desaloxadas non contan aínda cunha vivenda apalabrada.
Montalvo, destino provisional
Sobral encargouse de tranquilizar ós afectados e de desmentir as súas preocupacións. Así, explicou na devandita reunión que as familias vivirán nun albergue de realoxo mentres non poidan dispor das axudas aprobadas onte no Consello da Xunta. E ó parecer, os bungalows dun camping de Montalvo serán a nova residencia destes veciños do Vao.
No poboado, os traballos de derribo acometéronse de maneira manual. Naquelas chabolas que comparten parede con outras que non están afectadas pola sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, as dificultades técnicas para a súa demolición levaron ós técnicos municipais a optar polo corte de auga e da luz, e polo precinto da vivenda.
Subvención de vivenda protexida
A Consellería de Vivenda subvencionará a adquisición de vivenda protexida para o realoxo de seis das familias afectadas pola orde xudicial. Segundo se aprobou no Consello da Xunta, as casas serán cedidas a estes veciños en réxime de alugueiro por un período de dous anos. Transcorrido este prazo e garantida a integración social das familias, estas poderán optar á propiedade dos pisos.
O departamento de Teresa Táboas subvenciona o 80% do prezo total das seis vivendas, mentres o resto do importe será aportado polo Concello de Poio.
23/11/2007