L-V (Santiago).
O sono é unha necesidade biolóxica, pero durmir é un hábito e, como tal, apréndese. Do mesmo xeito que se ensina a un neno a comer ou a falar, pódese e débese ensinar o hábito do bo durmir desde o principio.
Con todo, esta é unha tarefa que moitos pais seguen sen ter en conta. Así, “cerca do 90 por cento dos casos de insomnio infantil a partir dos 6 meses de vida teñen a súa orixe en hábitos incorrectos, na ausencia de límites educativos ou en alteracións do apego”, explica o doutor Gonzalo Pin, director da unidade do sono do Hospital Quirón de Valencia e membro da Asociación Española de Pediatría.
Trastornos habituais
Os trastornos do sono durante a infancia e a adolescencia resultan moi frecuentes. Os expertos estiman que “entre un 25 e un 30 por cento dos nenos padece algunha forma de trastorno do sono”, afirma o doutor Antonio Muñoz Hoyos, pediatra do Hospital Clínico Universitario de Granada.
Nesta liña, “entre o 13 e o 27 por cento dos pais con nenos entre 4 e 12 anos de idade aseguran que os seus fillos teñen dificultades co sono como resistencia a deitarse, ansiedade no momento de ir á cama, inicio de sono atrasado, insistencia en durmir cos pais, ronquido, enurese, espertares nocturnos, pesadelos, terrores do sono, sonambulismo, espertar matinal precoz e excesiva somnolencia durante o día”, sinala o experto.
Os problemas non desaparecen sós
É importante abordar estes problemas con tempo, xa que na maioría dos casos adoitan estabilizarse, de maneira que é incorrecta a idea de que os problemas co sono dos nenos se solucionan sós: “Un neno con dificultades no sono aos 8 meses probablemente continuará mostrándoas aos 3 anos e aqueles con problemas aos 2 anos seguiranos tendo aos 12 anos”, explica o doutor Pin.
Segundo unha enquisa levada a cabo pola unidade do sono en nenos da Comunidade Valenciana, “menos do 50 por cento dos nenos de entre 6 e 12 anos de idade dormen de xeito autónomo, un 27 por cento teñen problemas á hora de ir á cama, un 11,3 por cento tardan demasiado tempo en durmir (máis de media hora), un 6,5 por cento presenta espertares nocturnos, un 17 esperta con dificultade pola mañá e outro 17 por cento sofre fatiga relacionada con alteracións do sono”, afirma o doutor Pin.
A tecnoloxía, culpable
Os resultados deste estudo reflicten a situación que se produce na poboación infantil de toda España. En xeral, as actividades sociais e o uso de tecnoloxías a últimas horas do día polos máis pequenos está favorecendo a aparición deste tipo de trastornos.
Por outra banda, dunha mostra de adolescentes españois deduciuse que o 38,5 por cento conta cunha mala calidade do sono e un 23,1% afirmaba tardar máis de 30 minutos en conciliar o sono. Neste sentido, un traballo feito con 755 adolescentes valencianos de 13 e 14 anos, o 52,8% afirma ir a clase tras durmir menos de 8 horas.
Tratamento pediátrico
A abordaxe dos problemas do sono debe ser multidisciplinar, coa participación básica do pediatra. O insomnio require xeralmente unha abordaxe cognitiva condutual e a terapia con fármacos nestes casos utilízase en contadas ocasións e sempre como un coadxudante e baixo estrito control pediátrico. “Deberiamos fuxir das medicacións vendidas sen receita e non controladas”, afirma o doutor Pin.
23/11/2007