AGN.
O escritor Antón Riveiro Coello presentará hoxe ás 20.30 horas no Salón de Plenos do Concello de Noia a súa última novela, Os ollos de K. Acompañarán ao autor o alcalde de Noia, Rafael García Guerrero; a concelleira de Cultura, Loli Caramés; o editor Víctor Freixanes, e o profesor Xesús Laíño.
'Os ollos de K' conta unha historia intrigante na que a literatura é a protagonista e a escrita se concibe como aventura. O autor de As rulas de Bakunin deixa ao dispor dos lectores o material artístico e a función creadora e aborda o feito narrativo como un proceso do que o lector son testemuñas e no que, ao tempo, participan.
Unha nova historia de Suso Paradela
A historia de Os ollos de K está protagonizada por Suso Paradela, personaxe central de A quinta de Saler e Homónima, novelas anteriores de Riveiro Coello. Paradela vive só nunha cidade e escribe coaccionado pola obriga diaria dun relato para a prensa. Á par desta esixencia, teima dende hai tempo en sacar adiante unha novela de intriga que se lle resiste.
Mais, de súpeto, un home aparece sentado nun banco, alleo á neve, sostendo na man un tarro cun ollo inmerso. Esa presenza vai facer estoupar os límites entre realidade e ficción, dous mundos que na novela chegan a confundirse.
23/11/2007