AGN.
Un grupo de 40 persoas ligadas á literatura procedentes de Portugal visitarán hoxe e mañá os lugares da Limia relacionados coas obras de Antón Tovar, Carlos Casares e Antón Riveiro Coello.
O roteiro cultural Espazos Literarios da Limia, organizado pola Consellería de Cultura e o Ministerio de Cultura portugués, forma parte dun proxecto de cooperación transfronteiriza para achegar as culturas galega e portuguesa.
Os integrantes da expedición foron seleccionados polo Ministerio de Portugal e visitarán os lugares relacionados coa vida e obra destes tres autores galegos.
O día de hoxe estará dedicado a Antón Tovar e os seus espazos literarios, mentres que mañá percorrerán as paisaxes ligadas a Carlos Casares e Antón Riveiro Coello. As actividades inclúen lecturas de poemas e de extractos das obras nos lugares evocados.
23/11/2007