Xeración (Santiago).
Paquistán xa non é membro da Commonwealth. A mancomunidade de nacións decidiu borralo da súa lista de países membros de maneira temporal, ata que se restaure a democracia e o estado de dereito. A decisión chega despois de reiteradas advertenzas ó xeneral Pervez Musharraf para que levantase o estado de excepción.
Na reunión, en Uganda, estiveron presentes os chanceleres dos 53 países que integran a organización. Todos eles coincidiron ó sinalar que a situación en Paquistán representa unha "violación seria" dos seus principios políticos fundamentais. A exclusión da Commonwealth produciuse o mesmo día no que o Tribunal Supremo, cos novos xuices nomeados polo propio Musharraf, levantou o último dos obstáculos legais contra a súa reelección por outros cinco anos.
Segunda suspensión
Os 53 países membros sinalaron ademais que a suspensión tamén é consecuencia do incumprimento do prazo dado para levantar o estado de emerxencia e renunciar como xefe do estado por parte do presidente paquistaní. A Commonwealth puxera o linde no xoves 22.
Aínda que a expulsión é temporal e constitúe un acto simbólico, podería ir acompañada nun futuro de sancións económicas. Non é a primeira vez que Paquistán é tachado da lista da mancomunidade. No 1999, cando Musharraf chegou ó poder logo dun golpe de estado, tamén foi suspendido, para reincorporarse plenamente no 2004.
Para o Ministerio de Asuntos Exteriores paquistaní, a decisión da mancomunidade británica "non é razoable, é inxustificada". O Goberno "lamenta profundamente" a suspensión, e estima que non se tiveron en conta as condicións imperantes en Paquistán, que levaron á declaración do estado de emerxencia.
Tapando tódalas frontes
Segundo fontes do goberno paquistaní, este sábado Musharraf quitará o uniforme para xurar o seu cargo como civil. O mando do exército pasará ó xeneral Ashraf Pervez Kiyani.
O presidente paquistaní introduciu unha emenda constitucional para garantir que non se produce cambio algún nos seus designios. A nova redacción garántelle cobertura a tódalas medidas ditadas nestes días, incluído o estado de excepción que permitiu suspender a Constitucional, agora reformada.
23/11/2007