Datos de interés

  • Domingo 07.09.2008

Un día despois do inicio das negociacións no transporte

Os traballadores franceses votan maioritariamente o fin da folga


Etiquetas: Francia, folga, transportes

Xeración/Axencias.

Tras nove días de folga é probable que mañá o transporte volva funcionar en Francia con normalidade, unha vez as asembleas de empregados das empresas estatais de ferrocarril e transporte urbano acorden de forma definitiva a volta ao traballo. Ata agora, máis de 100 asembleas locais votaron pola volta ao traballo.

O crecente descontento dos usuarios e a apertura onte das negociacións entre empresas, sindicatos e goberno sobre a futura reforma do réxime de cotizacións especiais crearon un clima favorable para o abandono da folga, que nesta xornada tivo un seguimento do 14,5% no sector ferroviario e do 11,7% nas liñas metropolitanas de trens e autobuses, segundo as cifras ofrecidas pola dirección das compañías.

O descenso de folguistas incidiu notablemente nunha mellora do servizo, e hoxe circulaban en Francia dous de cada tres trens de alta velocidade (TGV) e un de cada dous ou tres convois de metro, aínda que hai polo menos dúas liñas que permanecen completamente paradas. Nas rúas de París estaban operativos o 60% dos autobuses, pero o servizo de cercanías aínda presenta problemas e a serán necesarias polo menos 48 para normalizalo.

Boa acollida das negociacións
A pesar de que o diálogo a tres entre goberno, sindicatos e empresas comezou con certa tensión polas accións de sabotaxe que se rexistraron onte en varios puntos da rede ferroviaria, as propostas presentadas pola Sociedade Nacional de Ferrocarril (SNFC) e a Rede de Transportes de París (RATP) foron ben acollidas polos sindicatos, aínda que hai algúns, como o Sud-RATP, que manteñen a súa intención de botar abaixo a reforma do goberno francés, opción que o presidente Sarkozy rexeitou xa de forma categórica.

As propostas inclúen a compensación salarial polos dous anos e medio máis que os traballadores terán que cumprir para chegar aos 40 de cotización necesarios para cobrar unha pensión completa. Tamén se abordou a creación dun plan de aforro para o retiro voluntario e outros sistemas complementarios á xubilación.

O vindeiro luns volverán a reunirse todas as partes implicadas para cumprir co calendario de negociacións fixado a un mes vista.

A patronal critica as mobilizacións
A presidenta da patronal francesa (Medef), Laurence Parisot, cualificou de "catástrofe" para a economía gala o paro dos transportes e denunciou a existencia dunha "cultura do conflito" promovida por un movemento sindical feble que emprega "a expresión máis extrema -a folga- para facerse escoitar". O abandono desta tendencia é, para Parisot, unha condición imprescindible para a modernización do país.

As críticas dos empresarios á protesta dos traballadores do transporte estatal escoitáronse tamén desde a pequena e mediana empresa, cuxos representantes afirmaron que resulta "escandaloso que a Francia traballadora vexa minados os seus esforzos polos defensores duns intereses particulares".

22/11/2007

4'6 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

O servizo de transporte público podería normalizarse a partir do venres
O servizo de transporte público podería normalizarse a partir do venres

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso