Anxa Correa. AGN.
Só 7 dos 41 concellos aos que a Xunta concedeu unha subvención para a creación dun servizo de normalización lingüística o manterán activo despois de final de ano, segundo denuncia a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL). Baseándose en datos facilitados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega, a CTNL revela a "escasa incidencia" que están a ter as axudas na creación e consolidación destes servizos no eido local.
Dos 41 concellos aos que lles foi aceptada a solicitude, 15 rexeitaron a axuda para a creación do servizo. Só 26 desenvolveron o servizo de Normalización, que en 19 casos pechou despois de dous ou tres meses de actividade.
Segundo a coordinadora, as cifras amosan unha realidade "que non beneficia a planificación lingüística no eido municipal", xa que os servizos de normalización manteñen a súa actividade durante un período "totalmente insuficiente" para planificar labores normalizadores e xeran unha situación laboral "inestable, temporal e precaria".
Limítanse a traducir e corrixir
O informe presentado pola CTNL a responsables da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral da Administración Local revela que no 90% dos novos servizos de normalización lingüística dedicáronse exclusivamente a traducir e corrixir a documentación municipal, "vinte anos despois da aprobación da lei que obriga as entidades locais a redactar en galego toda a súa documentación".
Para o colectivo profesional, as funcións dos servizos de normalización deben centrarse na "dinamización lingüística e intervención social". Por este motivo, reclaman "mecanismos de control" que garantan o compromiso das entidades locais co obxectivo das axudas, especialmente mentres non se poñan en marcha "medidas urxentes" para fomentar, coordinar e orientar a normalización lingüística, como o Consorcio para a Planificación Lingüística.
Temporalidade
Por provincias, A Coruña é a que conta cun maior número de novos servizos de normalización lingüística cunha duración dun ano. Os SNL de Cee, A Laracha, Ortigueira e Santiso, creados a principios de outono, acadarán os 12 meses de vida. A Coruña e Santa Comba non teñen data de peche prevista. Os de Aranga e Toques, abertos en setembro, pecharon xa o mes pasado.
O concello lucense de Barreiros será o máis lonxevo dos creados este outono na provincia de Lugo, ata que peche en outubro do 2008. Castro de Rei, Chantada, Muras e Rábade recibiron esta axuda por dous meses de actividade dos servizos.
En Ourense, acolléronse ás axudas para a creación do servizo un total de 9 concellos, cun período de duración de un a catro meses. Os inaugurados entre setembro e outubro en Campo Lameiro, Porriño, Tomiño e Vilanova de Arousa cesaron xa a súa actividade.
Segundo datos de febreiro deste ano do Centro de Documentación Sociolingüística, 53 entidades locais --concellos e deputacións-- contan cun servizo de normalización lingüística. A meirande parte concéntrase na Coruña, onde ademais da Deputación, 26 concellos contan con este servizo. Séguelle Pontevedra, que conta cun gabinete de normalización na Deputación e noutros 14 concellos.
A Deputación de Ourense e outros tres concellos da provincia suman outros catro centros á cifra xeral da comunidade. Pola súa banda, non consta a existencia dun servizo de normalización na Deputación de Lugo, e só sete municipios dispoñen deste servizo.
22/11/2007