Axencias (Santiago).
O Goberno de Colombia deu por rematada a misión que lle encomendou en agosto pasado ó presidente de Venezuela, Hugo Chávez, para buscar un acordo coas Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC). Perseguíase un achegamento que permitise a liberación dos secuestrados pola guerrilla. Tamén se dá por rematada a xestión solicitada polo presidente colombiano, Álvaro Uribe, á senadora da oposición Piedad Córdoba.
O Executivo colombiano agradeceu a xestión realizada por Chávez e Córdoba para lograr un achegamento cos rebeldes, que teñen secuestradas a 45 persoas, entre políticos, soldados, policías e estadounidenses. Aínda así, decidiu rematar coa mediación dos dous mandatarios despois de que a congresista visitara ó xeneral Mario Montoya, comandante do Exército de Colombia, e lle puxese a Chávez ó teléfono.
As advertencias de Colombia
Dende o Goberno lembran que Álvaro Uribe falou co presidente de Venezuela no Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado e de Goberno, que rematou o pasado 10 de novembro en Chile. No evento, advertiulle de que "non era partidario de que o presidente da República Bolivariana de Venezuela se comunicase directamente co Alto Mando institucional de Colombia". Chávez fixo caso omiso, e durante a conversa telefónica preguntoulle ó militar polos secuestrados das FARC.
Hugo Chávez aceptara o pasado 31 de agosto a misión de buscar un achegamento coas forzas revolucionarias para que liberasen ós 45 recéns. Como moeda de cambio, o Goberno deixaría libres a preto de 500 guerrilleiros. Uribe encomendoulle un cometido semellante a Piedad Córdoba, senadora polo Partido Liberal e unha das maiores opositoras do goberno.
Francia pide que Chávez siga coa mediación
A decisión de suspender a Chávez como mediador ante as FARC causou consternación entre os familiares da ex candidata á presidencia colombiana, Ingrid Betancourt, no poder dos revolucionarios dende hai cinco anos. Pola súa banda, o Goberno francés pídelle a Uribe que reconsidere a sua decisión.
O presidente galo, Nicolás Sarkozy, demanda que se "manteña o diálogo con Chávez" para que este continúe coa súa labor de mediador. Francia é parte interesada no conflito, xa que Betancourt ten tamén a nacionalidade francesa e parte da súa familia vive neste país.
Desobediencias e desencontros
As discrepancias entre Uribe e Chávez emerxeron nesta semana, cando este último manifestou o seu desexo de manter unha reunión urxente co fundador e xefe das FARC, Pedro Antonio Marín, Tirofijo. Para o presidente colombiano, a entrevista só era unha opción unha vez que os retidos fosen liberados e se emprendese un proceso de paz por parte dos rebeldes.
O malestar de Uribe medrou tras a reunión do mandatario bolivariano con Sarkozy, o seu homólogo francés. Chávez reiterou o seu interese por reunirse con Tirofijo, e dixo que este lle prometera probas de supervivencia de Ingrid Betancourt antes da data límite do 31 de decembro.
Por isto, o Goberno de Uribe decidiu suspender a misión encomendada a Chávez, e advertiu da posibilidade de que as FARC aproveitasen a conxuntura para sacar réditos políticos.
22/11/2007