Anxa Correa. AGN.
O director de cine José Luís Guerín (Barcelona, 1960) recibiu en Santiago o Premio Cineuropa como recoñecemento a toda a súa traxectoria. Cámara compacta en man e coa súa inseparable boina, o director catalán compareceu horas antes en rolda de prensa para expresar que o premio é unha mostra de que "sempre tiven unha complicidade moi íntima cun puñado de galegos que me segue con perseveranza e curiosidade".
Guerín, que confesa que a súa única aprendizaxe sobre cine a adquiriu como espectador, valorou a oferta "ecléctica e atractiva" do festival Cineuropa polo seu labor para formar ao público nun entorno onde "é moi difícil ver películas".
A censura económica
"Máis que as subvencións", explicou, o vértice do cine atópase na educación do espectador a través da posibilidade de ver películas". Referíase o cineasta á "censura económica" que ao seu xuízo sofre hoxe en día o cine. "Cando Franco agonizaba e eu era un adolescente, empecei a ir moito a París para ver películas censuradas en España; hoxe sígoo facendo", afirmou, para ilustrar que a pesar de que a censura franquista era tremenda, non chegou a ser tan agresiva como a económica.
O director, distinguido co Premio Nacional de Cinematografía, bota en falta a "policromía de posibilidades" que ofrecían as carteleiras noutrora. "Se comparamos a carteleira do ano 75 coa de hoxe, vemos un retroceso apocalíptico", concluíu.
"A tecnoloxía podería propiciar un cambio, pero o pensamento non", sentenciou tras comparar este avance co das televisións locais, un fenómeno que ía servir para "democratizar a televisión" e que "derivou nunha caricatura das televisións grandes, sen cuxo consentimento non se pode facer unha película".
Relación co mundo
Guerín afirma que o cine "é o meu xeito natural de relacionarme co mundo", e ao mesmo tempo que "a miña camariña dáme identidade e sérveme de terapia para as miñas viaxes. Para min, o cine non é máis que un alfabeto co que se pode escribir unha novela de ficción, unha postal, un pequeno diario ou un libro de cociña", asegurou, relatando que apunta as súas ideas no disco duro da súa cámara.
O cineasta asegura que para el "é imposible falar de cine en termos de nacionalidade", xa que esta cuestión só "xerou un debate interesante nos anos 20 e 60", cando os cineastas se reunían, facían manifestos e inauguraban o free cinema, o cinema verité ou o cine underground.
"Era un cine de ideais colectivos, que hoxe desapareceu de todo, hoxe non nos reunimos máis que para falar de problemas gremiais". Dada esta soidade do exercicio do cine, "podo sentirme máis próximo a un director asiático que a un que vive na miña propia rúa", sinala, afirmando sentirse "incómodo" en ciclos de cine catalán ou español porque "só me represento a min mesmo e ao cine".
22/11/2007