Xeracion/AGN (Santiago).
A comparecencia a petición propia do conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, en comisión parlamentaria para abordar o desastre do encoro da Fervenza no río Xallas (morreron miles de peixes por mor do baixo caudal de agua) converteuse nun cruce de acusacións no que os populares vían a responsabilidade directa do ocorrido no conselleiro e no seu equipo, mentres Manuel Vázquez botaba todas as culpas a Ferroatlántica, a concesionaria.
Entre crítica e crítica, Manuel Vázquez anunciou a intención do seu departamento de modificar a lexislación actual para establecer mecanismos que permitan ser "máis interventores" na xestión dos encoros, dado que actualmente só teñen a opción de sancionar ás entidades concesionarias, aínda que semella que para iso ten que producirse un desastre como o do Xallas. A solución virá da man da futura Lei de Augas, que comezará o seu trámite parlamentario probablemente antes de rematar o ano.
A esta iniciativa uníronse tamén a deputada nacionalista, Ana Pontón e a deputada do PSdeG-PSOE, Laura Seara, aínda que os argumentos dados por Medio Ambiente non convencen a un Partido Popular que considera que o Plan Hidrolóxico permite á Consellería intervir cando se dan circunstancias como as ocorridas no embalse da Fervenza.
O PP acusa a Medio Ambiente de non facer o seu traballo
O deputado Jaime Castiñeiras non dubidou en afirmar que neste caso existiu unha "neglixencia clarísima e falta de traballo" por parte da Consellería, á que sinala como responsable política do sucedido. E engadiu que cando o Partido Popular gobernaba en Galicia "Fraga pedía o informe hidrolóxico todas as mañás porque lle preocupaba a situación dos encoros". Os populares aseguraron días atrás que existían informes desde hai un mes que alertaban da situación preocupante que se vivía no encoro, aos que Medio Ambiente non fixo caso.
No contraataque, o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, aventurou que o interese do ex presidente da Xunta debía ser para coñecer os megavatios que producían cada día os moitos amigos que tiña con concesións nos encoros galegos.
Pola súa parte, as deputadas Ana Pontón e Laura Seara reprocharon ao PP a política mantida nos seus quince anos de goberno na Xunta de Galicia e que provocou que o Xallas, en lugar de ser un río, sexa agora unha sucesión de encoros. O propio conselleiro lembrou neste sentido que os populares deixaron concedidos 57 aproveitamentos hidráulicos, mentres a actual executiva non concedeu ningún e tivo que paralizar máis de 50 que estaban en trámite.
Tras o desastre quedan as multas
Manuel Vázquez xustificou a actuación da Xunta de Galicia pasándolle toda a responsabilidade á empresa Ferroatlántica, que ao parecer non cumprira coa súa obriga de remitir a Augas de Galicia un comunicado coas cantidades de auga sacadas do encoro cun mes de antelación, como debe facer sempre que a capacidade do mesmo se sitúa por debaixo do 20%. Nesta liña subliñou que a neglixencia da empresa se debe a que se lles foi das mans a tendencia de "baleirar sistematicamente" a Fervenza para beneficiar a outros encoros do río Xallas. Así se explica, por exemplo, que mentres este encoro quedaba practicamente seco, outros, como o de Santa Uxía andaban por riba do 90% da súa capacidade.
Por isto acusou directamente a Ferroatlántica de ser a responsable dunha "xestión neglixente" porque esgotou as capacidades do propio encoro de maneira irresponsable. Ante estes feitos, asegurou o conselleiro que Medio Ambiente non pode actuar porque "a lexislación non contempla figura da intervención que permita expropiar o modelo de xestión á concesionaria", tendo que limitarse a sancionar á empresa unha vez ocorrido o desastre. Os dous expedientes sancionadores que se lle abriron á empresa concesionaria poderían suporlle unha multa por unha contía total de 600.000 euros como máximo. En todo caso, advertiu ao Partido Popular e a Ferroatlántica de que "se lles acabou a patente de corso nos ríos".
Pola súa parte, a entidade xa se defendeu antes argumentando que a explotación eléctrica do encoro leva interrompida desde o 28 de setembro, máis dun mes antes de que se rexistrase a mortandade de peixes, e que nas últimas semanas non abriran as comportas da Fervenza.
21/11/2007