B.V (Santiago).
Olivares de San Nicolás é un pobo arxentino no que viven 800 persoas rodeadas de todo tipo de servizos. E é que no lugar aséntanse, ademais das 175 vivendas, unha igrexa, unha comisaría, unha escola pública, a sede comunal, sala sanitaria, xulgado de paz, comedor infantil, unha fábrica aceiteira, extensos cultivos e dous estadios, un de fútbol e outro de baloncesto.
Pero tamén é unha localidade que vai ser subastada case na súa totalidade polo impago dunha hipoteca de preto de 300.000 euros contraída hai anos por unha filial do BBVA na Arxentina. Os veciños pediron tempo para negociar e ofreceron como garantía a futura colleita de aceitunas. Pero o xuíz mostrouse impasible e decidiu culminar a demanda por impago presentada no 1996 cunha subasta, facendo oídos xordos das protestas veciñais e do escándalo levantado en todo o país.
Así, será o vindeiro 18 de decembro cando saian á venda 2.216 hectáreas cultivadas pertencentes á empresa Olivares e Viñedos de San Nicolás, entidade suscritora da hipoteca. O problema é que no lote van incluídas 20 hectáreas que lle corresponden ó pobo. Nelas residen 500 dos 800 habitantes, e aséntanse tódolos servizos antes citados.
Un pobo usado como aval
O problema xurídico vén porque a empresa propietaria dos terreos doou esas 20 hectáreas ó goberno civil para a construción de vivendas, e así naceu o pobo de Olivares de San Nicolás. Pero están incluídas tamén na escritura da hipoteca, e agora van ser embargadas. Os veciños do lugar deféndense dicindo que non poden subastarse as propiedades do Estado, coma a escola ou a comisaría.
Ofrécense a mercar eles mesmos as terras nas que viven, e que constitúen a súa única fonte de traballo. En Olivares, habitado case exclusivamente por agricultores, aséntase a maior plantación do mundo de olivos orgánicos, cunha produción anual que pode acadar os sete millóns de quilos de aceituna.
Sen escrituras
Pero a Xustiza non atendeu á súa solicitude e sentenza sairá adiante. Olivares nunca foi urbanizado, e os seus terreos non se escrituraron a nome das familias que os ocupan, algunhas dende hai sesenta anos. A falta dunha regulación por escrito da cesión das 20 hectáreas dun particular a un ente público, o goberno da provincia de Córdoba, deixa a 800 persoas á mercé dun complexo proceso legal, ou da sensibilidade social dun banco.
21/11/2007