Datos de interés

  • Venres 03.09.2010

A loita polos dereitos sindicais

A inmigración faise ver nos sindicatos galegos


Etiquetas: traballo, sindicatos, emigración, precariedade

Ana Conde. Nova+ (Santiago).

Son o novo proletariado e comezan a deixar atrás o medo para defender os seus dereitos laborais, a pesar de que para moitos unhas vacacións ou unha paga extra son case luxos inaccesibles. Na actualidade, os traballadores inmigrantes representan o 2% da afiliación dos sindicatos CIG, UGT e CC.OO en Galicia. As centrais valoran como alta esta cifra, tendo en conta que Galicia é unha das comunidades con menos estranxeiros traballando de forma legal.

Na actualidade cotizan á Seguridade Social máis de 41.000 traballadores foráneos, un 20% máis que hai un ano. Con todo, a comunidade segue a ocupar os últimos postos de España en canto a traballadores estranxeiros, que só representan o 3,7% do total de afiliados.

A maioría dos estranxeiros chegados a Galicia en busca de emprego recorren ás centrais da comunidade, polas que se senten "ben representados", segundo afirma Messaoud O-Omari, responsable do Centro de Información a Traballadores Estranxeiros (CITE) de CC.OO en Santiago.

Nunha primeira etapa, os sindicatos axúdalles coa burocracia dirixida a regularizar a súa situación: visados, reagrupación familiar, expulsións, etc. Ademais, oriéntanos en temas como buscar vivenda, tramitar a tarxeta sanitaria ou escolarizar aos fillos. Os responsables das tres centrais destacan que "atendemos a moitas máis persoas das que están afiliadas".

Degradación dos dereitos laborais
Logo chegan os problemas laborais, xa que se trata dun colectivo moi vulnerable que se ve obrigado por susbsistencia a aceptar tarefas e condicións que un galego non asumiría. "Moitos empresarios saben da súa necesidade e dinlle iso de 'aquí hai isto, ou ou colles ou ou deixas' e eles vense sometidos a esa situación", denuncia Carmen Brea, responsable de Servizos Sociais de UGT.

Esa degradación dos dereitos laborais repercute directamente no conxunto do mercado laboral. Constátao Laura Bugallo, da CIG, que pon de relevo que "as desmelloras que sofren os inmigrantes por non ter papeis ou pola mala praxe empresarial tamén nos afectan aos traballadores galegos".

Hostalería, construción e servizo doméstico, os peores
E abusos hainos, e a diario. Os sindicatos UGT e CIG falan de recortes de dereitos legalmente recoñecidos, salarios por baixo do convenio ou xornadas laborais de ata 17 horas diarias. Hostalería, construción e servizo doméstico son segundo as centrais sindicais os sectores de onde lles chegan a maioría das reclamacións de traballadores inmigrantes.

Un sector no que abundan os xefes desaprensivos é o do servizo doméstico, onde as situacións chegan a ser "realmente dramáticas" para as mulleres, que non poden denunciar os seus casos porque corren o risco de ser expulsadas. "A maioría chegou en situación irregular e seguen sen papeis ó non ter un contrato", explican os sindicatos, que revelan que moitas veces se ven obrigados a recorrer "á chantaxe" para lograr que estas asistentas cobren o que se lles debe. "Os que cometen estes abusos non merecen chamarse empresarios, porque só son piratas que buscan ou diñeiro fácil", sentencia Carmen Brea.

Fronte a estes tres sectores destaca o pesqueiro, que os sindicatos pon como exemplo "dunha regularidade exquisita" ao ser un ámbito que facilita unha correcta integración.

Messaoud O-Omari. Marrocos
Messaoud O-Omari abandonou con só 20 anos o seu Marrocos natal en busca dun traballo "e unha vida mellor". O seu destino: Galicia, onde uns coñecidos seus se estableceron tempo atrás. A venda ambulante levouno a Santiago, onde decidiu quedar "porque me pareceu unha cidade tranquila e bonita", relata. É precisamente desta primeira etapa da que ten peor recordo, ao subliñar que a experiencia "inicialmente sempre é dramática. A miña preocupación era conseguir o pan do día seguinte".

Non sufriu discriminación laboral, precisamente debido a que a súa relación coa empresa foi nula, "porque por máis que busquei traballo nunca me saíu nada". Foi entón cando entrou en contacto con xente de Comisións que o invitou a colaborar coa central, cousa que fixo encantado "porque sempre me gustaron os temas sociais e a defensa dos dereitos laborais".

Neses anos, o sindicato creou centros de información para traballadores estranxeiros aos que O-Omari estivo vinculado desde os seus inicios. Como responsable do CITE de Santiago atende a persoas inmigrantes ás que entende mellor que ninguén. Conseguiu traer á súa noiva e crear aquí unha familia. Tras dezasete anos aquí afirma que "Galicia é o meu país". Conta que se sente "como os galegos de Arxentina; cando vou á miña terra chámanme galego e aquí son o marroquí".

Luis Alfredo Tipuaña. Ecuador
Luís Alfredo, coñecido como Tito, chegou a Ferrol nun segundo intento por probar sorte en España. O primeiro levouno no 2000 a Madrid, Mallorca e Barcelona, onde a experiencia foi tan mala que aos poucos meses decidiu regresar ao seu Ecuador natal.

Aos dous anos volveuno intentar, desta vez acompañado da súa muller, Josefina. Nestes anos, este ecuatoriano de 41 anos traballou como pintor, xardineiro e panadeiro, estando empregado na actualidade nunha empresa de illamentos. Gústalle Ferrol, onde vive coa súa muller e a súa filla de 15 anos, porque "aquí polo menos podo reunir diñeiro", obxectivo moi complicado nas cidades grandes, "onde cobras máis pero o custo da vida é tamén moito máis caro".

Pero as ilusións para un traballador inmigrante cotízanse máis caras, tal e como recoñece Tito, que non dubida en afirmar que en Galicia hai racismo "connosco e cos nosos nenos". Subliña que nas empresas "míranme de forma diferente por ser de fóra". Sufriu de preto a discriminación laboral, cando o seu xefe lle fixo asinar unha nómina "e cando abrín o sobre había 500 euros de menos".

Ernesto Alberto Rodríguez Baliño. Uruguay.
Ernesto chegou a Santiago hai tres anos e medio. O primeiro deles sobreviviu grazas ao top manta. Conseguiu o cartón de residencia grazas a unha falsa oferta de traballo de asistente de fogar "que me fixo a miña curmá", solución desesperada á que recorren moitos netos de inmigrantes que, coma el, non son quen de conseguir os papeis.

Buscou asesoramento no departamento de Inmigración da CIG polo que se animou a sindicarse. "É fundamental para afrontar a prepotencia da patronal", subliña. Traballou nunha subcontrata de Cofaga repartindo produtos farmacéuticos. A un primeiro contrato de mes e medio "argumentando a 12 de febreiro acumulación de tarefas tras a campaña do Nadal, imaxínate!", seguiulle outro temporal. Entrambos, este uruguaio de 45 anos traballou once días sen cotizar. "Descubrino ao pedir unha vida laboral", explica Ernesto, que nese momento non denunciou "porque sabía que facelo era quedar sen traballo".

Xa polo terceiro contrato sufriu unha baixa laboral e o día que volveu "o xefe non me deixou entrar, díxome que non me quería ver máis por alí". Durante eses meses fixera xornadas de 60 horas cando o pactado eran 40, "e non é que cobrase as outras 20 en negro", aclara. Chegado este punto decidiu que reunira "suficientes irregularidades" como para denuncialas e armouse de valor. Agora, no paro, espera que chegue o xuízo. Denuncia que o acoso laboral se ceba cos inmigrantes e admite que a burocracia á que os somete a Lei de Estranxeiría os obriga a "soportar cousas que no meu país non toleraría nunca".

28/11/2007

4'3 (22 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Construción, hostalería e servizo doméstico son os sectores con máis abusos aos traballadores inmigrantes (AGN)
Construción, hostalería e servizo doméstico son os sectores con máis abusos aos traballadores inmigrantes (AGN)
El-Omari leva dende 1994 á fronte do CITE de CCOO en Santiago
El-Omari leva dende 1994 á fronte do CITE de CCOO en Santiago
Tito denuncia que en Galicia existe racismo e que a discriminación laboral se ceba cos inmigrantes
Tito denuncia que en Galicia existe racismo e que a discriminación laboral se ceba cos inmigrantes
Ernesto, afiliado á CIG, agarda no paro a que se celebre o xuízo contra a empresa á que denunciou
Ernesto, afiliado á CIG, agarda no paro a que se celebre o xuízo contra a empresa á que denunciou

Buscar máis información sobre






Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso