Datos de interés

  • Xoves 24.07.2008

A apicultura segue a ser artesanal en Galicia

Bo ano para o mel, regular para as abellas


Etiquetas: mel, abellas

Nair Mesejo. Nova+ (Santiago).

As chuvias que no outono non abondan para recuperar a seca de pastos e embalses foron xenerosas en cambio na primavera e no verán. A abundancia de auga, alternando con días de claros e temperaturas mornas en xullo e agosto favoreceron en Galicia un proceso de floración constante da vexetación. Estas condicións meteorolóxicas pouco beneficiosas para a colleita de patacas ou a maduración da uva fixeron as delicias dos apicultores.

Unha primavera máis longa do normal traduciuse nunha espectacular produción de mel que este ano duplicará o volume de quilos recollidos o ano pasado –264,4 toneladas– e superará as 500 toneladas, segundo as previsións do Consello Regulador da Indentificación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia.

Estas cifras coinciden cunha leve recuperación no número de produtores da comunidade, que descendera nos últimos dez anos. As estimacións do presidente do Consello Regulador, Manuel Lovelle, sitúan en torno a 4.000 os apicultores dedicados á elaboración deste ouro doce. Sen embargo, só 408 están inscritos na IXP.

Unha paixón, máis que unha profesión
A produción de mel continúa a concibirse como una actividade artesanal e complementaria a outras tarefas cotiás e poucos apicultores viven só do mel. Unha explotación media galega dispón de entre 10 e 20 colmeas, mentres que a dedicación plena a este labor require posuír entre 1.200 e 2.000 colmeas. Pouco máis de medio cento de produtores en Galicia rexentan explotacións destas características, aínda que hai casos, os menos, nos que se superan as 5.000 colmeas.

Na súa maioría, os apicultores orientan a produción de mel ao autoconsumo, ao ser resultado dunha afección que roza a paixón. Moitos produtores vincúlanse ás organizacións para mellorar os seus coñecementos sobre o coidado das abellas ou simplemente por afección. A Asociación Galega de Apicultura (AGA) conta na actualidade con 1.000 asociados. Con todo, e segundo lembra o seu secretario técnico, Jesús Asorei, o número diminuíu nos últimos anos. “Chegamos a ser máis de 1.500”, afirma.

Cando lles sobra mel, véndeno nos mercados locais. “Só o 1% dos apicultores galegos son profesionais”, asegura Lovelle. É así que un 40% do mel producido cada ano véndese na rede local e outro 30% destínase ao pequeno comercio. O resto, preto de 300 toneladas resérvanse á grande distribución. Non obstante, apunta que desde 1998 a certificación de calidade medrou un 180%. Cada vez son máis os interesados en acreditar a cualidade do seu produto e as garantías da súa elaboración.

A inquedanza pola morte das abellas
O Consello Regulador e AGA sinalan como prioritaria unha comercialización “en condicións” do mel. As principais reivindicacións dos produtores, ao non ser a rendibilidade económica a única finalidade, non se limitan aos prezos en orixe. O apicultor recibe entre 2,20 e 2,30 euros por quilo. Asorei cre que o importe idóneo situaríase en torno aos 3 euros, xa que o consumidor paga uns 5 polo tarro de un quilo.

Inquedan máis as cuestións vinculadas á morte das abellas, especialmente notable no sur de Ourense. O secretario técnico de AGA atribúe o fenómeno ao incremento no uso de pesticidas e fertilizantes demasiado agresivos.

“Son dunha nova xeración, apareceron no mercado hai dez anos e comezaron a empregarse nas zonas de horta do noroeste da comunidade galega”, relata Asorei. As primeiras mortes masivas déronse na Ferrolterrra e logo en zonas de produción preto das cidades. Tamén nas leiras dedicadas ao cultivo de millo e outras especies forraxeiras. Asegura que en Ourense estanse a tratar os eucaliptos con estes produtos, de aí a mortalidade.

Sobre as causas da morte das abellas expertos e produtores non se dan posto dacordo, pero todos coinciden en lembrar a función que xogan estes insectos como bioindicadores ambientais. “As abellas son as sentinelas do medio ambiente”, conclúe Asorei.

O dominio lugués e ourensán
A maioría dos apicultores galegos concéntranse nas provincias de Lugo e de Ourense. A súa presenza tamén era significativa en A Coruña, onde predominaban as pequenas explotacións para o autoconsumo, que desde hai uns anos comezaron a desaparecer, segundo asegura o responsable de AGA. En Pontevedra, pola contra, a práctica desta actividade sempre foi residual.

Isidro Pardo, fundador do Museo Vivente do Mel en Arzúa (A Coruña), introduciuse  na actividade en 1963 e desde entón centrou os seus esforzos na creación dun centro didáctico. Nel, amais de producir e envasar o seu mel, explica o traballo das abellas en cada un dos seus pasos, ou a transición entre a apicultura actual e a antiga.

Ao lado das colmeas máis modernas conserva un apiario ou albariza, conxunto de colmeas tradicionais rodeadas por un alto muro circular de pedra coñecido como oseira e que impedía a entrada de oisos no recinto. Hoxe estes modelos antigos caeron en desuso por incumprir a normativa sanitaria da IXP. A extracción de mel é moi complexa e fai inevitable a mestura deste alimento co cerume e a graxa que xeran estes insectos.

''Os apicultores somos como facenda''
Pardo explica que en cada unha das colmeas pode haber uns 70.000 individuos, que segundo os seus días de vida –as obreiras e nodrizas viven 45– cumpren unha determinada función. Lembra que as abellas producen o mel para a súa propia alimentación, polo que sempre hai que deixarlles un mínimo para o consumo durante o período de invernación.

“Xuntan o mel para elas e nós facemos como Facenda, quitámoslle todo o que podemos. Depende da cantidade, pero preciso duns vinte quilos de mel para que pasen o inverno”, asegura.

Variedades galegas
As peculiaridades climáticas de cada unha das comarcas galegas debuxan unha gran diversidade de vexetación e, polo tanto, múltiples tipos de mel. As variedades de Galicia íntegranse en cinco clases, atendendo a súa orixe botánica.  Un 60% dos meles son multiflorais, segundo revela o responsable de AGA.

Todos teñen unha cor máis escura que no resto da Península. “O máis claro de aquí, o de eucalipto e silveira, e escuro de máis no resto do Estado”, apunta Lovelle. Dentro dos meles monoflorais, elaborados a partir dunha única especie vexetal, figuran os de eucalipto, silveira, queiroga e castiñeiro.

Unha das consecuencias da vaga de lumes do verán de 2006 advertiuse este ano no descenso das variedades de eucalipto e silveira, procedentes na súa maioría da franxa atlántica xa que as rexións do litoral da Coruña e Pontevedra  foron das máis afectadas polos incendios o ano pasado.

23/11/2007

5'0 (11 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Fotos: Otto. AGN
Fotos: Otto. AGN

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso