C. Oubiña. AGN (Bruxelas).
A Comisaria Europea de Agricultura, Mariann Fischer Boel, ratificou a súa intención de eliminar o actual sistema de cotas lácteas a partir do 31 de marzo de 2015 e a necesidade de que se chegue a esa situación dun xeito "suave", para non prexudicar aos gandeiros.
Mariann Fischer Boel presentou hoxe a proposta da Comisión Europea para revisar a Política Agrícola Común (PAC). Primeiro ante a Comisión de Agricultura da Eurocámara e, posteriormente, ante a prensa. Quixo insistir en que non se trata dunha reforma da PAC senón dun "recoñecemento médico".
O documento aprobado pola Comisión pon data de defunción ao sistema de cotas lácteas, vixente desde a reforma da PAC do ano 2003. A Comisaria recorda que daquela a Comisión xa decidira suprimir as cotas en 2015, e que anticipar ese final prexudicaría moito ao sector, xa que os gandeiros investiron elevadas cantidades de diñeiro en comprar cotas ou dereitos de produción.
Desaparición 'atenuada'
En todo caso, Fischer Boel insiste en que a desaparición do actual sistema non pode facerse de forma brusca. "Hai que centrarse en como facer para que haxa unha aterraxe suave", declarou ante a comisión de Agricultura da Eurocámara.
Anunciou que antes de final de ano o Executivo comunitario presentará un documento no que se recollerán os pasos a seguir nas próximas campañas ata chegar á supresión do sistema vixente, e que xa empezará a aplicarse a partir do 1 de abril de 2008.
A Comisión estudará ademais algún tipo de medidas que axuden a mitigar o impacto negativo que pode ter a liberalización do sector lácteo naquelas zonas montañosas que dependen da produción de leite. Neste caso atópanse algunhas explotacións galegas.
Incremento da cota para este ano
Os borradores elaborados polos servizos da Comisaria e que circulan polos despachos de Bruxelas indican que a cota láctea poderíase incrementar un 2% para a próxima campaña. Sería un aumento liñal, é dicir, o mesmo para todos os países. A isto oponse a Consellería do Medio Rural, que solicita que o incremento de cota se faga beneficiando aos países deficitarios, é dicir, que como no caso de Galicia teñen menos cota do leite que consumen e que poden producir.
O obxectivo sería aumentar o abastecemento de leite, nun momento no que se disparou o seu prezo. A decisión sobre o reparto definitivo de cotas podería adoptarse no Consello de Ministros de mediados de decembro.
Que pasa coas subvencións
A proposta de "recoñecemento médico" da Comisión tamén pretende un maior recorte nas axudas agrícolas directas. Ese recorte, coñecido como 'modulación', sería do 2% desde o ano 2010, de maneira que en 2013 chegase ata o 13%.
O diñeiro aforrado destinaríase a reforzar os novos plans de desenvolvemento rural, de modo que puidese facerse fronte a retos como un uso máis eficiente da auga, a loita contra o cambio climático ou un maior aproveitamento da bioenerxía.
Ademais, o Executivo comunitario pretende converter as subvencións nun pago fixo por hectárea ou por explotación, independentemente da cantidade que se produza. Aínda que en determinadas rexións importantes desde o punto de vista ambiental, as axudas si poderían estar ligadas á produción.
O documento presentado hoxe pola Comisión supón o punto de partida co que se pretende abrir un debate sobre a revisión da PAC. Na primavera de 2008 o Executivo comunitario ten intención de presentar as súas propostas lexislativas. A decisión final terán que acordala co Consello de Ministros da UE e o Parlamento Europeo.
20/11/2007