Datos de interés

  • Domingo 07.09.2008

Mocidade

O botellón de María


Etiquetas: familia, mocidade, botellón, alcol, saúde, Navia Franco

Navia Franco.

Unha tal María (nome suposto dun caso real) acaba de celebrar os seus 16 anos por todo o alto. Tan alto subiu na súa celebración que rematou no hospital cun coma etílico, un necesario lavado de estómago e un desgusto familiar.

Pregúntanlle a María os seus achegados cantos cubatas se meteu no corpo e ela contéstalles que non sabe, que non tería forma de contalos porque bebeu “a morro” da/s botella/s. É comprensible a cara de susto da nai e do pai, certamente confusos pola resposta; eles viviron outros tempos, unha xuventude na que os cubatas se consumían no interior dos bares e pubs e cun vaso coma continente.

Pero os tempos de María son outros. Son tempos de botellóns e macrobotellóns, e de pequenas rebelións contra a que denominan “lei seca”: iniciativas de concellos coma o de Cangas para rematar co balbordo, o lixo e os problemas de saúde que carrexan os encontros multitudinarios que teñen por protagonista a esa parella fatal: xuventude e alcohol.

Sonlle tempos en que ser rapaza -ou rapaz- tampouco debe ser moi fácil. Téñeno todo e non teñen nada. Unha gran maioría camiña cara á idade adulta coa ausencia da nai e/ou pai, condicionados estes por uns horarios laborais irracionais.

Non me sorprendeu saber dun pequeno que se lle queixou á profesora de que súa nai non o bica abondo. Realmente, non temos tempo de bicar os nosos fillos, de darlles bo exemplo coa nosa presenza -senón constante, si suficiente-, de poñerlle límites a esta “educación maría” que lles estamos dando porque preferimos ser “bos” durante o pouco tempo que pasamos xuntos, de darlles argumentos para que se convertan en homes e mulleres con criterio propio… Se fuximos das nosas obrigas, ¿que pretendemos agardar deles?

Pero coma os mineiros que separan o mineral da ganga, pensaremos que María é a filla dos outros, parte desa ganga, e que os nosos fillos nunca caerán no botellón porque relocen por riba dos demais. Ao cabo, a vida é iso: ensaiar e fallar. María fixo unha das súas primeiras probas con resultado de fallo. Por fortuna, quédanlle moitos ensaios por diante; ás nais e pais non nos quedan tantos

21/11/2007

5'0 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Buscar máis información sobre








Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso