AGN.
O problema do cambio climático chegou hoxe en día a unha situación de equilibrio de Nash, onde ningún país ou empresa pode beneficiarse de cambiar a súa estratexia se os demais non introducen tamén variacións. É dicir, que nada freará o incremento da temperatura global mentres non se reduzan as emisións de dióxido de carbono de forma conxunta.
John Forbes Nash, Premio Nobel de Economía en 1994, fixo esta reflexión para demostrar que a súa teoría pode ser adaptada a ámbitos máis aló da matemática. O científico que inspirou o filme Unha mente marabillosa, está estes días en Galicia para participar no ConCiencia, un programa de divulgación científica organizado polo Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago.
Atrapados no dilema do prisioneiro
Para Nash, o cambio climático é un exemplo de xogo non cooperativo, porque, aínda que hai países que realizan esforzos por frear ese proceso, outros non actúan. E referiuse ao papel dos Estados Unidos, un dos principais emisores de dióxido de carbono e que, con todo, negouse a subscribir unha estratexia global como a impulsada en Kioto.
É unha situación na que "cada un vai polo seu lado, tentando beneficiarse individualmente" e ignorando que o maior beneficio sairía da cooperación. É un dilema do prisioneiro.
Impartirá mañá unha conferencia sobre o diñeiro ideal
John Forbes Nash impartirá mañá en Santiago unha conferencia baixo o título Diñeiro ideal e diñeiro asintóticamente ideal. Nela explicará como concibe que o euro achégase moito á súa percepción do diñeiro ideal. Segundo expuxo, trátase dunha moeda que naceu nunha situación de paridade co dólar, atravesou certas dificultades, recuperouse e, na actualidade estase convertendo nunha "moeda ideal". A longo prazo, cre que manterá esta condición.
O científico referiuse ás matemáticas como linguaxe universal cuxa utilidade foi loada polas civilizacións grega e romana, entre outras. Pese a impartir clases como profesor desta materia, asegurou non estar capacitado para recomendar como se podería estimular aos máis novos no seu estudo.
Segue fascinado pola Teoría dos Xogos
Este octoxenario, consciente da súa idade, asegura estar fascinado aínda pola Teoría dos Xogos e a Cosmoloxía. "Interésame ademais a ciencia en xeral", apunta. Agora, os seus esforzos no campo da investigación seguen centrados nas posibles fórmulas para converter os xogos de tres persoas non cooperativos en xogos onde os axentes implicados si decidan cooperar.
20/11/2007