Axencias (Santiago).
O Xulgado Central do Penal da Audiencia Nacional condenou a Jaume Roura e Enric Stern a unha multa de 2.730 euros cada un por un delito de inxurias graves contra a Coroa. Son os autores da queima de varias fotografías dos reis de España o pasado 13 de setembro, nunha protesta pola visita dos monarcas a Girona.
O maxistrado José María Vázquez Honrubia argumentou a súa sentenza ó remate do xuízo. Di que a imposición da multa responde ós maiores beneficios desta condena, fronte á entrada en prisión dos dous mozos, "para que aprendan que poden ter as ideas que queiran, pero que non poden atacar ás institucións básicas do Estado".
O fiscal pedía para os acusados unha pena dun ano e tres meses de prisión, por consideralos autores do mencionado delito pero coa agravante de disfraz, xa que ámbolos dous levaban a cabeza cuberta cunha capucha para non ser identificados.
Queimas de apoio
Despois de que se coñecese a imputación de Roura e Stern, sucedéronse distintos lugares de Cataluña manifestacións e concentracións de solidaridade cos dous acusados, nas que tamén se queimaron retrados dos reis.
Ata 18 persoas participantes na queima colectiva de fotos declararon como imputados ante o xuíz da Audiencia Nacional, Fernando Grande-Marlaska. O 30 de outubro, as dilixencias abertas fóronlle transladadas á fiscalía para que decida se presenta acusación contra os manifestantes ou se pide o sobreseimento da causa.
20/11/2007