L-V/Axencias.
O presidente da Conferencia Episcopal Española (CEE), Ricardo Blázquez, afirmou onte que non é acertado volver ao pasado para reabrir feridas, atizar rancores e alimentar as desavinzas, ao referirse ás recentes beatificacións de mártires en Roma e ao aludir á Lei da
Memoria Histórica.
Blázquez, que abriu onte a asemblea plenaria dos bispos cun discurso que centrou nos mártires, o recente nomeamento de cardeais e bispos españois, a primeira visita de Juan Pablo II a España o 31 de outubro de 1982 e as migracións, dixo tamén que “sen erixirnos
orgullosamente en xuíces dos demais, debemos pedir perdón e reorientarnos”, en referencia ao papel da Igrexa na Guerra Civil, un confito ao que aludiu pero que nunca mencionou directamente.
Que os historiadores digan que ocorreu e como
O tamén bispo de Bilbao expresou o seu desexo de que os historiadores contribúan a que se faga “plena luz sobre o pasado: Que ocorreu, como ocorreu e por que”. Para Blázquez, esta aproximación aberta, obxectiva e científica “evita a pretensión de impor á sociedade enteira unha determinada perspectiva na comprensión da historia. A memoria colectiva non se pode fixar selectivamente; é posible que sobre os mesmos acontecementos existan apreciacións diferentes, que se irán achegando se existe o desexo auténtico de comprender a realidade”.
Na súa intervención citou documentos da CEE sobre a necesidade de perdoar por todos os que se viron implicados na guerra civil, dun ou outro bando, “en accións que o Evanxeo reproba”, para sinalar: “Recordamos a historia non para enfrontarnos senón para recibir dela ou a corrección polo que fixemos mal ou o ánimo para proseguir na senda acertada”.
O inicio da despedida
Estás palabras de Blázquez poden ser interpretadas como o inicio da súa despedida, xa que en marzo haberá unha renovación de cargos na Conferencia Episcopal e as principais previsións apuntan a que será Antonio María Rouco Varela, arcebispo de Madrid, o novo presidente.
20/11/2007