Rosa Aneiros.
“Cando leas, le intensamente. Máis incluso: intenta ler con maior intensidade da que o propio autor puxo na súa obra. Le con entrega, paixón e atención, implacablemente (…) Le con elegancia e sobriedade. Le coma se estiveses no patíbulo e o libro que tes nas mans fose o último que che levou á túa cela o carcereiro”.
Estes fragmentos do Herbario de Sándor Márai, traducido por Fernando de Castro para Rinoceronte Editora, arrímannos ao gusto da lectura. Porque a lectura, cómpre non esquecelo é un auténtico pracer e non unha obriga amarga. De libros e lectura falouse estes días no simposio “Libro e mercado”, organizado como cada ano pola AGE. Falouse do labor dos editores, dos axentes literarios, das traducións, dos andeis das librarías, do volume de mercado, do perfil dos lectores, do futuro e da visibilidade do libro galego, do papel dos libreiros. Ás veces esquecemos o importantes que estes son no ciclo vital do libro. A pasada semana, de paso nun centro comercial, ousei preguntar pola sección de poesía. A encargada, amablemente, sinalou un pequeno estante no recuncho máis escondido. ¿Iso nada máis?, preguntei. Asentiu coa cabeza. Alí só había libros de Manrique e de Neruda e saín da gran superficie cunha estraña sensación de estupidez. E atravesei a rúa para entrar nunha libraría pequerrecha onde o libreiro non só me ofreceu o exemplar que buscaba senón outros máis para satisfacer a miña ansia lectora.
“Le como se fose unha cuestión de vida ou morte porque a lectura é o mellor regalo do ser humano”. Permítase ese pracer grandioso e permita que lle recomenden libros. Entenderá daquela por que hai libreiros que se converten en grandes amigos.
20/11/2007