AGN (Ferrol).
Preto dun cento de persoas, convocadas polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, concentráronse esta mañá no peirao de Curuxeiras, en Ferrol, para recibir cunha cazolada ao Port Harcourt, o décimo metanero que chega á planta de gas de Reganosa en Mugardos.
O barco, cargado con 136.000 metros cúbicos de gas natural licuado a bordo, fixo a súa entrada na ría as 10:50, coincidindo coa pleamar diúrna, e atracou sen problemas no peirao da regasificadora sobre as 11:15.
Aínda que o Port Hartcourt é o décimo metanero que chega á planta de gas de Mugardos desde o pasado mes de maio, trátase do primeiro que entra en Reganosa desde que o Ministerio de Industria lle concedeu a acta de funcionamento definitiva á factoría, o pasado 7 de novembro.
Durante a mobilización, os membros do Comité Cidadán mostraron a súa disposición a "seguir loitando para que a terminal gasista sexa trasladada fóra da ría de Ferrol". Con este acto, asegurou Manuel Rodríguez Carballeira, un dos voceiros do colectivo, "queremos simbolizar o noso rexeitamento á décima entrada ilegal dun gaseiro na ría de Ferrol e queremos simbolizar a nosa determinación a seguir dando a batalla ata que a planta de gas deixe de ser unha ameaza para todos os cidadáns da zona".
Recurso contra a acta de funcionamento
Os membros do Comité insistiron en que nos próximos días presentarán un recurso de alzada ante a Delegación do Goberno en contra do acta de posta en servizo definitivo de Reganosa. Anunciaron tamén que o próximo día 26 de novembro unha delegación desprazarase a Bruxelas para presentar ante a Comisión Europea unha nova denuncia contra a posta en funcionamento de Reganosa.
O colectivo cidadán asegura que a planta de gas incumpre a distancia mínima de seguridade aos núcleos habitados e que tampouco se garante que os gaseiros poidan saír a mar aberto polos seus propios medios durante a descarga de mercancía. Consideran, polo tanto, que existe un "risco real para a vida humana" na ría de Ferrol, para a súa riqueza marisqueira e para o emprego dos 600 traballadores que viven do mar na zona.
19/11/2007