Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Paro no transporte

Os sindicatos franceses negociarán sen abandonar a folga


Etiquetas: transporte, folga, Francia

Xeración/Axencias.

A sexta xornada da folga dos transportes en Francia comezou con lixeiras melloras na circulación dos trens e autobuses despois de que o goberno francés decidise rebaixar as condicións para manter o diálogo a unha mellora do servizo aos usuarios. O conselleiro social do goberno, Raymond Soubie, anunciou para o vindeiro mércores 21 de novembro a primeira reunión cos sindicatos para iniciar as negociacións arredor da reforma do réxime especial de xubilación.

A vontade de negociación por ámbalas dúas partes parece que non poñerá fin ao paro, secundado de forma masiva esta mañá polas asembleas xerais dos traballadores do ferrocarril e por catro sindicatos da RATP, encargada de xestionar o transporte de París. Así, o incremento nos servizos de transporte público vivido este luns semella ter máis que ver co continuo descenso na proporción de traballadores que secundan o paro, un 26,2% hoxe fronte ao 32,2% do venres, segundo os datos ofrecidos pola dirección da Sociedade Nacional de Ferrocarrís (SNCF).

Continúan as retencións
Durante todo o día está previsto que circulen 300 dos 650 trens de alta velocidade (TGV) programados, 76 dos 300 de longo percorrido e a metade dos rexionais. Pola súa parte, a empresa RATP, que xestiona o transporte na zona de París, informaba de que estaban operativos o 35% dos autobuses urbanos e o metro funcionaba esta mañá cunha frecuencia de media hora entre cada convoi, a pesar de que todas as liñas están operativas.

Ante o paro prolongado, os usuarios continúan botando man dos seus vehículos particulares como alternativa para desprazarse, o que a primeira hora da mañá provocaba retencións de ducias de quilómetros na rede de Ile-de-France e de máis de 300 nas principais vías de acceso á capital francesa nas horas de maior tránsito.

O ministro de Traballo francés, Xavier Bertrand advertiu que as negociacións en cada empresa non se farán para anular a decisión do goberno de rematar cos réximes de cotizacións especiais dos que ata agora gozan máis de medio millón de traballadores das empresas públicas do sector de transportes e da enerxía. Segundo o sistema actual, estes empregados gozan de certos privilexios con respecto aos demais xubilados, como un tempo de cotización menor para acadar unha pensión completa (37,5 anos en vez de 40).

Perdas económicas da folga
Tantos días de paro comezan a preocupar non só aos usuarios do transporte público, os principais afectados, senón ás direccións das empresas que ven como cada xornada lles supón a perda de millóns de euros. A presidenta da SNCF, Anne-Marie Idrac, cifran en 100 millóns de euros o custo da folga para a empresa estatal de ferrocarrís. No caso da RATP, cada día de paro supón a perda de dous millóns de euros, segundo a prensa económica francesa.

Indirectamente, a folga afecta á rendibilidade empresarial doutros moitos sectores, xa que os paros están producindo grandes atrasos nas entregas, así como unha menor afluencia de clientes nos establecementos hostaleiros parisienses, polas dificultades de acceso á cidade.

19/11/2007

4'8 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Un de cada cinco convois de metro circulaba hoxe na cidade de París
Un de cada cinco convois de metro circulaba hoxe na cidade de París

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso