Axencias (Santiago).
Pervez Musharraf, presidente de Paquistán, poderá iniciar unha nova andaina política como civil. O Tribunal Supremo do país desestimou cinco dos seis recursos presentados pola oposición contra a lexitimidade da Presidencia do xeneral, polo que este poderá demitir da xefatura das Forzas Armadas e presentarse á reelección. O fiscal xeral declarou que os recursos foran rexeitados, e non deu máis detalles.
Tras o decreto do estado de excepción, o pasado 3 de novembro, a policía detivo ó presidente do Tribunal Supremo, Iftikhar Chaudhry, que se opuxera á situación de emerxencia imposta dende o Goberno. Ademais, pronunciárase en contra da validez da recente reelección de Musharraf como presidente. Chaudhry foi sustituído por un novo candidato, Abdul Hameed, escollido desta volta entre os círculos afíns ó xeneral, quen declarou "nulo e inválido" o ditame do seu predecesor.
Eleccións en xaneiro
Pola súa banda, Pervez Musharraf recomendou a convocatoria das vindeiras lexislativas para o 8 de xaneiro. Nun panorama no que as conversas coa líder opositora Benazir Bhutto están rotas, os colaboradores do xeneral traballan no deseño dun acordo coa alianza islamista Muttahida Majlis-e-Amal, coa finalidade de acadar unha maioría de goberno estable.
Bhutto, quen volveu a Pakistán en outubro en virtude dun acordo para o reparto de poder con Musharraf, mostrouse moi crítica coa declaración do estado de excepción. Unha medida adoptada, segundo o presidente paquistaní, debido ó deterioro da lei e á incursión da xustiza na labor do Goberno.
19/11/2007