Datos de interés

  • Sábado 04.07.2009

Abel Caballero recúa

O PXOM de Vigo non reservará o 40% de solo a pisos protexidos en tódolos ámbitos


Etiquetas: Vigo, vivenda, urbanismo

Xeración (Santiago).

"Só onde sexa posible". Con esta apostilla rómpese o compromiso de reserva do 40% do solo para vivenda protexida feito polo alcalde de Vigo, Abel Caballero. A pretensión, contemplada incluso no pacto de goberno entre PSOE e BNG, non é viable.

O rexedor vigués recoñeceu que "se nalgún ámbito non é rentable, non se poderá facer; a lei non o permite, e por iso se puxo no seu día a cláusula de que se inclúa en tódolos ámbitos nos que sexa posible".

Xa en setembro, a concelleira de Urbanismo comunicou as modificacións a incluír no documento ó equipo encargado da redacción do texto, Consultora Galega. No primeiro punto rezaba: "Inclusión do 40% de vivenda protexida en tódolos ámbitos do SUNC -Solo Urbano Consolidado- e Suble -Solo Urbanizable- nos que resulte posible".

Obrigas
No apartado destinado ás obrigas do contratista, neste caso da Consultora Galega, o texto atribúelle a misión de estudar a posibilidade de introducir a reserva do 40% de vivenda protexida en tódolos ámbitos. Polo tanto, na práctica non se descarta que a porcentaxe apareza nos 409 ámbitos nos que o Plan Xeral divide á cidade olívica, sempre que os redactores estimen e argumenten no documento que é posible facelo.

Nesta liña, Abel Caballero e o tenende de alcalde nacionalista, Santiago Domínguez, escenificaron a entrega oficial do informe do equipo de redacción cos cambios introducidos. A reunión serviu para fixar un primeiro calendario de tramitación do PXOM, co obxectivo de que estea aprobado a finais de ano.

Tese nacionalista
O cambio supón un xiro radical nas pretensións do rexedor vigués, que hai un mes insistía en que a reserva do 40% era un obxectivo "irrenunciable". A postura relaxárase nos últimos días, despois de que Caballero deixase unha porta aberta ás teses do seu socio no goberno, o BNG. Os nacionalistas defendían que a medida se aplicase unicamente naqueles ámbitos nos que fose posible.

E así será finalmente. Sen embargo, nin o alcalde nin o tenente de alcalde quixeron aclarar cales son os ámbitos nos que se aplicará a reserva de solo para pisos protexidos.

Os cambios introducidos no documento do PXOM irán a pleno "en quince ou vinte días", segundo indicou Caballero. Unha vez aprobado, tería que ser revisado e correxido aínda polos técnicos da Consellería de Política Territorial.

E sete anos despois...
O Plan de Urbanismo vigués comezou a súa tramitación no 2000, durante o mandato do nacionalista Lois Pérez Castrillo. A redacción do texto ficaba concluída ó gume das eleccións do 2003.

O documento pasou despois polas mans de Ventura Pérez Mariño e de Corina Porro, a quen a Xunta lle denegou o visto bo por cuestionar a súa adaptacións ás normas medioambientais e unha previsión de crecemento considerada excesiva dende Política Territorial, entre outros argumentos.

Coa súa chegada ó poder, Caballero asegurou que o correxiría para que fose aprobado neste mesmo ano, pero dende aquela o PXOM vigués aínda deu unhas cantas reviravoltas. Na actualidade, unicamente uns 15 municipios galegos contan cun plan urbanístico aprobado e adaptado á normativa do 2002.

19/11/2007

4'8 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Abel Caballero, alcalde de Vigo (Foto: Sonia Daponte.AGN)
Abel Caballero, alcalde de Vigo (Foto: Sonia Daponte.AGN)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso