Datos de interés

  • Xoves 24.07.2008

Política británica

O mundo de Brown


Etiquetas: Xulio Ríos, Gran Bretaña, política, Gordon Brown

Xulio Ríos.

A pasada semana, o primeiro ministro británico presentou as liñas mestras do que será a nova política exterior británica. Nova? Certamente, Brown coidouse de amosar as súas diferencias con Blair, pero moi matizadamente. Para o líder laborista, o mundo atópase nun tempo de transición no que priman seis grandes forzas globais: ademais do inescusable terrorismo, o escocés tamén salientou a importancia do impacto do cambio climático, os Estados fráxiles, a pugna polo acceso ao control de bens e servizos, a libre circulación de persoas e enfermidades, e as redes, que simboliza Internet.

O diario The Guardian salientou as coincidencias con Blair: dunha banda, ambos consideran insuficiente o multilateralismo para respostar aos desafíos do mundo contemporáneo; doutra, o Reino Unido non debe nunca verse forzado a elixir entre Europa e Estados Unidos. O Daily Telegraph, pola súa banda, louvou o pragmatismo de Brown fronte ao mesianismo de Blair, empeñado, coma Bush, nunha cruzada moral para estabilizar o mundo abaneado polo 11S e con resultados non menos tráxicos.

Non obstante, entrando a matizar, semella que Brown confía máis no establecemento dunha ampla rede de alianzas ca no cultivo da tradicional relación especial que liga a Londres e Washington. O “internacionalismo realista” promovido por Brown aposta por reforzar o mecanismo de Nacións Unidas e por alargar o propio Consello de Seguridade con países como India, Xapón, Brasil ou Alemaña.

Para moitos, o discurso de Brown achega poucas ideas novas e deixa entrever un tímido desexo de explorar unha especie de terceira vía nas relacións internacionais da potencia británica, un empeño a estas alturas desconcertante pois corre o risco de non satisfacer a ninguén, especialmente ao resto dos europeos e, por descontado, aos propios estadounidenses. En resumidas contas, haberá que agardar a comprobar que feitos acompañan as palabras de Brown para saber que quixo dicir realmente o inquilino do 10 de Downing Street.

Xulio Ríos é director do IGADI

19/11/2007

4'0 (1 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Buscar máis información sobre






Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso