A.L..
Grandes líderes internacionais, como Fidel Castro, Vladimir Putin, Muamar Gadafi, Mahmud Ahmadineyad e Kim Jon Il buscaron estes días un pluriemprego e metéronse a comentar videoxogos... alomenos, segundo a versión de , a empresa que desenvolveu a saga Call of Duty e que agora emprega a estes presidentes na campaña de promoción da súa cuarta entrega, Modern Warfare.
Este novo Call of Duty abandona a ambientación da II Guerra Mundial e sitúase nun presente hipotético, e moi anglo-céntrico, no que un rebelde nacionalista ruso alíase cun líder terrorista de Oriente Medio para ameazar o mundo con mísiles nucleares. Tras este argumento gastado atópase un xogo que está a colleitar moi boas críticas e que, dende logo, goza dunha orixinal campaña de marketing viral.
Os vídeos
Así, Fidel Castro confesa que se leva tanto tempo sen aparecer en público, non é porque estea enfermo, senón porque estivo xogando ao Call of Duty 4, cuxa acción é tan intensa que debe pasar un control médico cada vez que remata un nivel: "América non nos dera nada tan bo dende o béisbol".
Ahmadinejad tamén ten moi boas palabras para o multixogador, porque asegura que lle deu a idea de crear o seu propio exército de soldados con poderes especiais. Por iso puntúa o xogo con "dez cimitarras".
Kim Jon Il, o ditador coreano, prefire non aparecer en persoa e delega a súa valoración nun voceiro, quen asegura que o "glorioso líder tivo a fortaleza de pasarse o xogo no nivel de dificultade máis alto", pero so lle dá un punto sobre dez porque Corea non aparece.
Muamar Gadafi, contrariamente, está indignado porque o país sen nome de Oriente Medio que aparece no xogo "é claramente Libia", xa que recoñece a praia de Trípoli e outras coincidencias accidentais. Por iso, négase a puntuar o xogo ata que "lle chamen Libia a Libia".
A saga Call of Duty seguiu os pasos de Half-Life á hora de facer first-person-shooters cunha trama cinematográfica que enganche ao xogador. Infinity Ward cedera o desenvolvemento do terceiro capítulo, que apareceu co lanzamento da Wii, para traballar neste cuarto que supón un salto cualitativo, especialmente no multixogador. Call of Duty 4 ten versións para ordenador, Playstation 3 e Xbox 360.
23/11/2007