Datos de interés

  • Domingo 07.09.2008

Xa non desconfiamos do fármaco máis barato

Galicia aforra 2,8 millóns ao mes grazas á prescrición de xenéricos


Etiquetas: Sergas, farmacia, saúde

Ana Conde. AGN.

O gasto farmacéutico conforma, xunto coas listas de espera, o talón de Aquiles do sistema sanitario galego, que cada ano ve a súa factura incrementada. Os medicamentos xenéricos perfílanse como a solución para frear o gasto, xa que contribúen a racionalizar a factura farmacéutica sen que por iso baixe a eficacia do tratamento. Aínda que Galicia segue á cola de España na prescrición deste tipo de fármacos -supoñen o 9% do total-, a situación mellora de pouco a pouco e a comunidade xa aforra 2,8 millóns de euros mensuais grazas ás receitas por principio activo.

"O noso obxectivo é achegarnos á porcentaxe de consumo estatal -situado no 19%- e conseguir así un aforro que duplicaría estes 2,8 millóns", explica Cristina Rey, subdirectora xeral de Farmacia do Servizo Galego de Saúde.

Rey Barbosa destaca que nos últimos anos a prescrición de xenéricos se incrementou "de forma lenta pero constante", pasando do 4 por cento en 2003 ao 9 por cento actual. Con todo, admite que aínda queda moito por facer se se mira a Andalucía, onde os fármacos xenéricos "iguais ao orixinal pero máis baratos, porque ao vencer a súa patente os fabricantes non tiveron gastos de investigación" xa representan o 27% do total recetados.

Na liña de fomentar a prescrición destes medicamentos son varios as frontes abertas, como formar aos profesionais e favorecer a prescrición inducida de xenéricos desde Atención Especializada, xa que se o paciente sae do hospital cunha receita por principio activo "é máis difícil que o médico de cabeceira lla cambie por un de marca".

Rey lembra que Galicia ten unha tradición "que non favorece nada, xa que durante anos non se levou a cabo "unha política seria de xenéricos, polo que agora necesitamos tempo para que o médico obteña confianza nestes fármacos", engade.

Programa de incentivos
E como a confianza se gaña máis facilmente con diñeiro polo medio, a Consellería de Sanidade ten vixente desde 2002 un programa de incentivos para premiar aos médicos que apostan polos xenéricos. Un plan que sufrirá cambios en breve, xa que o Servizo Galego de Saúde está a ultimar o deseño dun novo que entrará en vigor en xaneiro de 2008, avanza a responsable de Farmacia.

O novo programa aspira a incrementar a prescrición por principio activo "indicando na receita o composto do fármaco e non unha marca en concreto", porque neses casos os farmacéuticos están obrigados a dar o medicamento máis barato, que adoita ser o xenérico.

Os médicos que superen determinadas cifras recibirán unha paga extra anual en concepto de incentivo, cantidades que non variarán moito respecto ao programa vixente. Para os de cabeceira o obxectivo estará no 12% do total de receitas, que no caso dos especialistas baixará ao 10%. De cumprilos, os prescriptores poden chegar a recibir uns 1.200 euros ao ano, aínda que o Sergas pretende incrementar unha incentivación que podería chegar aos 3.000 euros "en función do aforro que logremos".

A prescrición electrónica tamén axuda, xa que se o médico fai unha consulta sobre un medicamento a aplicación informática facilítalle en primeiro lugar o máis eficiente. "Canto máis fácil llo poñas ao médico, mellor", sinala a subdirectora xeral.

O aumento de receitas de xenéricos estabilizou o crecemento do gasto farmacéutico en Galicia. De feito, desde marzo "estamos por baixo da media estatal", sinala Rey, e en setembro foi a cuarta comunidade con menor taxa de incremento.

"A xente xa non desconfía do fármaco máis barato"
O presidente da Federación Galega de Farmacias, Fernando Guerreiro, valora que a situación respecto dos xenéricos mellorou claramente na comunidade, xa que a xente "xa non desconfía do fármaco máis barato". Considera que os galegos se concienciaron de que estes medicamentos son unha alternativa "totalmente válida" aos de marca, polo que apunta que por fin se empeza a cultivar a cultura do xenérico como algo normal.

Isto nótase especialmente cando o usuario vai á farmacia a comprar un medicamento sen receita e xa pide por iniciativa propia o xenérico, "porque o aforro nótao directamente no seu peto". No entanto, e a pesar destes avances, Guerreiro advirte de que "queda moito camiño por andar", ao lembrar que Galicia segue á cola de España e Europa no consumo de xenéricos.

Os agasallos aos médicos restrinxidos
A pretensión da Administración sanitaria de lograr que os facultativos incrementen a prescrición de xenéricos choca moitas veces de fronte cos intereses da industria farmacéutica, que presiona coas súas armas para que os médicos receiten medicamentos de marca.

Son as empresas as que adoitan ter máis éxito á hora de 'conquistar' aos médicos con incentivos como custosas viaxes e agasallos. Con todo, parece que esta situación tamén está a cambiar, xa que a patronal dos fabricantes de medicamentos, Farmaindustria, impuxo un código ético para erradicar ao máximo "estas prácticas irregulares de incentivación", segundo explica a responsable de Farmacia do Servizo Galego de Saúde.

Estima que os métodos para 'comprar' ao médico son cada vez máis limitados. Por exemplo, á hora de organizar congresos "as empresas xa non poden mandar aos facultativos a hoteis de cinco estrelas, senón de catro" e tampouco poden invitar a este tipo de eventos aos cónxuxes dos facultativos, cousa que antes estaba á orde do día.

O código de boas prácticas de Farmaindustria tamén prohibe a entrega de bens que poidan servir "para o beneficio privado dos facultativos". Todo iso podería axudar a que os médicos apostasen polos xenéricos en detrimento de os de marca e, xa que logo, máis caros.

19/11/2007

4'6 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

A prescrición de xenéricos aumenta de xeito lento pero constante
A prescrición de xenéricos aumenta de xeito lento pero constante
A receita electrónica facilitará a prescrición de xenéricos (AGN)
A receita electrónica facilitará a prescrición de xenéricos (AGN)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso