Xeración.
Semella que hai problemas no romance entre a Casa Branca e o xeneral Pervez Musharraf, descrito hai anos por Bush como “a única esperanza de Occidente en Paquistán". O subsecretario de Estado dos EEUU, John Negroponte, reclamoulle onte a presidente paquistaní que levante o estado de emerxencia que proclamou hai dúas semanas e libere aos presos políticos.
Os EEUU foron un dos principais apoios de Musharraf na comunidade internacional, ata o punto de gastar case de 100 millóns de dólares nun programa secreto para axudar a Paquistán a asegurar o seu arsenal nuclear, tal como informa hoxe o New York Times. Pero semella que ao militar se lle está a rematar o creto en Washington.
“Un estado de emerxencia non é compatible cunhas eleccións libres, limpas e cribles”, dixo Negroponte antes de subir ao avión, tras pasar o sábado en Islamabad, negociando con Musharraf unha saída á tensa situación que vive o país asiático.
Insístelle en que deixe o seu cargo no exército
O representante dos EEUU insistiulle ademais ao cada vez máis impopular Musharraf en que cumpra a súa promesa e abandone a súa posición no exército antes de optar á reelección nos comicios de xaneiro. A intención da Corte Suprema de recusar a súa candidatura por incompatibilidade entre os seus cargos militares e políticos foi a escusa do xeneral para proclamar o estado de emerxencia.
A declaración oficial do goberno paquistaní non variou tras a visita do estadounidense, e seguen insistindo en que non se recuperará a normalidade no país ata que se poida garantir a restauración da lei e a orde.
Segue a describilo como un valioso aliado
Así a todo Negroponte asegurou que Musharraf é un valioso aliado na “guerra contra o terror” e celebrou o seu compromiso de convocar eleccións para o 9 de xaneiro. O subsecretario de estado reuniuse tamén con outros oficiais paquistanís de alto rango e falou por teléfono coa líder da oposición, Benazir Buttho.
Os EEUU eran partidarios de forzar unha alianza entre Buttho e Musharraf que servise para frear o avance do islamismo na provincia de etnia pashtun no noroeste do país, que está xa practicamente fora do control do Estado paquistaní, e Negroponte tentou convencer de novo ao xeneral para que se reunise coa súa rival política. Ata o de agora non tivo éxito.
Ata 91 mortos na rexión de Parachinar
O pasado venres comezou, ademais, un enfrontamento armado entre musulmáns shiítas e sunitas na rexión de Parachinar, tamén noroeste, onde xa morreron 91 persoas. Os partidarios de ambas as dúas interpretacións do Islam continúan hoxe combatendo con artillería e fogo de morteiro na capital de Parachinar.
As forzas militares paquistanís son moi febles na rexión, onde se sufriron xa moitas baixas e desercións durante as loitas cos islamistas e onde o estado de emerxencia non axuda a manter alta a moral. Nesta situación, o venres, varios pistoleiros non identificados abriron fogo contra unha mesquita sunita e desencadearon unha onda de violencia relixiosa que dura ata hoxe.
18/11/2007