Xeración.
O Racing de Ferrol chegaba a Málaga con intención de resarcirse dos malos resultados na Malata e romper a súa mala xeira cunha vitoria ante o líder da clasificación. Os comezos foron bos, pero non así o remate: unha derrota por goleada (4-2).
No primeiro tempo os de Juan Veiga tiveron ao Málaga contra as cordas. Un erro de Gaitán dáballe o primeiro gol ao Rácing á media hora escasa de partido, nun regalo en forma de tanto en propia meta. A cinco minutos do descanso un golazo de Jonathan Pereira púñalle ás ao Racing, cun 0-2 ao seu favor que colocaba ao líder nunha situación francamente complicada.
As boas sensacións da primeira metade no banquiño ferrolán non continuaron no segundo tempo, e dous escasos minutos de partido bastaron para dar ao traste coa vantaxe.
A caída dos ferroláns
Un máis que dubidoso penalti sinalado polo árbitro Pino Zamorano, e convertido por Antonio Hidalgo, descentrou ao conxunto galego. Juan Veiga non foi quen de pór orde, e o colexiado expulsou ao preparador físico e o defensa Manolo, que dende o banquiño protestaron contra Pino Zamorano, que se defendeu a tarxetazo limpo.
Apenas dous minutos despois do penalti, Hidalgo volvía bater a Queco Piña e dáballe o empate ao Málaga. A partir de aí, o Racing veuse abaixo mentres o Málaga subía, alentado pola súa afición.
Gerardo deulle o terceiro aos andaluces no minuto 81. Pouco despois, o Ferrol perdía a outro xogador, neste caso Olmo, por dobre amarilla. Peragón culminou a remontada do Málaga marcando o cuarto xa en tempo de desconto. O Racing suma así en Málaga a súa sétima xornada sen coñecer a vitoria e baixa un pouco máis na clasificación, quedando provisionalmente no posto 13.
17/11/2007