AGN.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, defendeu esta mañá en Santiago a posta en marcha dun "gran pacto social" para reducir o número de mortes nas estradas galegas. "Aquí temos que estar todos, os pais e nais, os mozos e as mozas, os colectivos sociais, os axentes promotores de iniciativas e concienciación e todas as administracións públicas", aseverou.
Pérez Touriño asistiu na Praza do Toural da capital galega aos actos conmemorativos do Día Mundial en Recordo das Vítimas da Violencia Viaria, organizados pola asociación Stop Accidentes. "Eu son optimista, podemos facer fronte a esta pandemia", asegurou o líder do bipartito galego.
Na súa intervención, o presidente da Xunta demandou unha actitude de "conciencia e compromiso" para facerlle fronte ao problema da sinistralidade viaria, adoptando cada un dos cidadáns un comportamento "persoal, individual e de responsabilidade intransferible". Touriño engadiu que no que ten que ver cos accidentes de tráfico "todos somos vítimas e todos somos responsables; é necesario dar ese paso de concienciación colectiva, de cambiar pautas de comportamento e actitudes".
Cifras de accidentalidade inasumibles
"Cando saímos a unha estrada somos responsables dun mesmo, da familia á que pertencemos e de todas as demais", asegurou. Polo tanto, afirmou, "temos que ter unha clara actitude de compromiso para cambiar as cifras de accidentalidade viaria, que son inasumibles". Para Touriño, a educación e a formación dos mozos son fundamentais na meta de reducir a sinistralidade.
Segundo o titular do bipartito, "non queremos vivir nunha sociedade onde a principal taxa de mortalidade veña dada e derivada dá violencia viaria. É un contrasentido, unha inxustiza e contra isto temos que loitar e comprometernos". O presidente da Xunta manifestou ademais a súa satisfacción por participar nun acto de conmemoración en recordo das vítimas e agradeceu ás asociacións implicadas na materia que "teñan asumido a responsabilidade, a loita e a concienciación social para superar este cancro social".
17/11/2007