Xeración/AGN.
O filme El menor de los males, dirixido por Antonio Hernández e protagonizado por Carmen Maura abre hoxe sábado o XII Festival Internacional de Cine de Ourense. A proxección da cinta terá lugar logo da gala de inauguración, que hoxe ás nove da noite abre oficialmente o Festival.
Un total de 120 películas de países tan diversos como Francia, Arxentina, Alemaña, Hungría ou Irán poderán verse ata o 24 de novembro na cidade das Burgas, nesta cita anual coa sétima arte que este ano chega co lema 'Reinventar un Festival de Cine'.
As proxeccións realizaranse nas salas Cinebox, no Auditorio, o Teatro Principal, o Centro Cultural da Deputación e o cine Dúplex -pechado hai . De todas as cintas chegadas ata o festival, 11 concursarán no certame de longas, 10 máis na categoría de documentais e outras 58 no concurso de curtas.
Seccións non oficiais
Fóra das pezas presentadas a concurso, exhibiranse outros filmes en distintas seccións do festival. 'Inédita' achegará filmes galardoados a nivel internacional entre 2005 e 2007, pero que non pasaron antes por Ourense. Na sección 'Cine e Emigración' proxectarase unha selección decintas que buscan a reflexión sobre o fenómeno migratorio, dende os inicios do xénero cinematográfico.
Ademais, o festival contará coa sección 'Cine en feminino', onde se poderán ver varias pezas audiovisuas producidas ou realizadas por mulleres, e con 'Panorama Galicia 2007', na que se achegarán pezas realizadas no país neste ano. Como novidade, esta edición do festival achegará tamén á cidade das Burgas un ciclo de animación infantil e outro para adultos.
Ademais das proxeccións, na edición deste ano ábrese unha porta á reflexión sobre o sector cinematográfico. Baixo o título 'Conversas ou qué', varios encontros entre institucións, empresas e profesionais do audiovisual avaliarán o panorama do celuloide.
17/11/2007