Datos de interés

  • Luns 12.05.2008

Entrevista

Eduardo Noriega: ''O risco e a dificultade deben aparecer á hora de compor un personaxe''


Etiquetas: audiovisual, cine

Anxa Correa. AGN.

Tanto en Santiago como na Coruña, por onde pasou estes días para promocionar a súa última película, Canciones de amor en Lolita's Club, Eduardo Noriega foi a diana de todas as miradas, especialmente entre o público feminino. Tras transformarse en personaxes dos máis variados matices, Noriega (Santander, 1973) non pode deixar de ser un dos rostros máis amables do cine español.

Pregunta: Na súa última película enfróntase a dous papeis: o de Raúl, un personaxe violento, e o do seu irmán Valentín, unha persoa con discapacidade intelectual, cal lle resultou máis cómodo?

Resposta: Cando empecei a preparar este personaxe, estaba obsesionado coa dificultade de interpretar a un discapacitado intelectual. Parecíame dificilísimo evitar o prototipo, non quería caer no basto, no evidente. Quería achegarme coa maior verdade posible, co maior respecto.

Foi Vicente Fontes, un profesor de voz que tiven na Escola de Arte Dramático co que estiven a compor estes dous personaxes, quen me indicou: "Non te equivoques, o difícil é Raúl, ti estás moito máis preto de Valentín". E estou convencido de que efectivamente estou moito máis preto dun discapacitado intelectual, para o que tiven que investigar na miña inxenuidade, na miña vulnerabilidade, na miña desprotección, ca dun autodestrutivo, violento, que non se quere a si mesmo. Valentín saíu de forma espontánea, mentres que foi difícil manter ese lado de escuridade de Raúl.

P: Afrontouno como un papel máis?

R: É moi difícil falar dunha carreira de forma global. Eu fíxome en cada papel que fago e penso só no seguinte proxecto. Xa veremos o que significa dentro duns anos. Éste parecíame un reto difícil e interesante. Estou convencido de que o risco e a dificultade son compoñentes que deben aparecer á hora de compor un personaxe ou calquera outra manifestación artística. Sen risco, a arte non sería interesante. Se nos acomodásemos, non evolucionariamos.

Proxectos futuros
P
: E cal é o seu próximo reto?

R: Seguramente será rodar con Marc Recha en Cataluña un personaxe que se expresa en catalán. Estou a traballar o catalán para rodar con el, é un reto que me propouxen. Algún día chegará un personaxe galego e por que non nos atreveremos con iso? Galicia encántame, e a pesar da fama que temos os do norte de pechados, sorprendeume Vigo porque a xente pareceume moi cariñosa e expresiva.

P: Os datos de taquilla non reflicten un gran seguimento do cine español, pero os actores teñen que vivir coa súa fama, como leva esta contradición?

R: Fixen películas que non tiveron ningún éxito de despacho de billetes, e outras que funcionaron moi ben. Procuro relacionarme coa prensa o xusto, é necesario promocionar unha película, pero despois desaparezo. É máis difícil na televisión. No cine trátasenos con máis distancia, con máis respecto, fago unha vida completamente normal e ninguén me molesta pola rúa. O que non me gustaría sería vivir con todo o que significa a fama e o seguimento dalgúns medios de comunicación que non tería nada que ver coa miña profesión.

Unha mirada nova no cine español
P: Cales son as maiores dificultades do cine español hoxe en día?

R: Temos problemas á hora de distribuír o cine que facemos. Temos 120 películas entre producións e coproducións, demasiadas para as que o público español ve. Ademais, vemos sobre todo cine norteamericano. Hai algo que falla, non sei se falta comunicación entre produción e distribución, ou se falta mercadotecnia ou crer que somos capaces de facer cine como noutros países.

Tamén é necesaria a autocrítica, pero creo que hai moitos autores novos cunha mirada nova que achegan moito ao cine español, como Tom Fernández, Luís Piedrahita ou Juan José Bayona, xente nova que é capaz de dar outras cores para a paleta. Creo que diversidade temos: desde Amenábar a Médem ou Almodóvar; temos autores cunha mirada propia, e fai falta saber vendernos ou chegar ao público.

P: Como actor, recibe ofertas interesantes, rexeita moitos guións?

R: Traballo máis ou menos cunha película ao ano, ou dúas, e non podo facer todo o que me ofrecen. Pero a película que me emociona, coa que me identifico, cando entendo o que o autor me quere contar, é a que fago miña e intento involucrarme ao máximo. É unha cousa máis de tripas e de instinto, de pensar se es capaz de verche a ti mesmo nese personaxe.

17/11/2007

5'0 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Eduardo Noriega, en Cineuropa, onde promocionou o seu último filme (Foto)
Eduardo Noriega, en Cineuropa, onde promocionou o seu último filme (Foto)

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso