Anxa Correa. AGN.
Enrique Nicanor (Castro Caldelas, 1944) é o responsable de que moitos nenos medrasen con Espinete. Desenvolveu a súa actividade profesional entre EEUU, Francia e España, na dirección e produción de programas. Tralo seu labor á fronte de La2 entre 1983 e 1988, foi nomeado Comisario para Europa. Agora senta na cadeira de director do Festival de Ourense, que pasa páxina baixo unha nova dirección.
P: Este festival que dirixe, é galego ou ourensán?
R: O festival de Ourense é de Ourense, igual que o de Cannes é de Cannes ou o de Venecia é de Venecia, pero tamén son o símbolo da cinematografía do seu país. Do mesmo xeito, o festival de Ourense é de Ourense, pero pretende ser o festival de cine que representa o audiovisual de toda Galicia.
P: E vai por bo camiño para acadar esa meta?
R: Empeza todo nesta nova etapa. Hai un traballo previo, nos 12 anos anteriores, que non se pode desprezar. Cando hai un coche ben feito pódese coller o coche e ir a onde se queira. O malo é que practicamente non había coche, e a dirección de agora tivo que ir a pé porque non había rodas nin motor nin nada. Nós queremos ir na mellor dirección posible. O audiovisual galego ten que formar parte do audiovisual do mundo, a iso é a onde queremos chegar.
P: Con que pezas contaron para preparar esta edición?
R: Coa vontade, e nada máis que coa vontade. É dramático pero é así. Tivemos que tratar de cumprir cunha obriga e ser resposables co que se fixo antes. Un festival non é so colocar películas para que se vexan, senón tamén organizar actividades para que os profesionais poidan participar, poidan encontrar traballo, que sexa punto de encontro. Agardamos que sexa un punto de encontro da cinematografía Europea coa nosa e coa de América Latina. Temos vocación de servir de ponte.
Financiar un festival
P: E á hora de buscar financiamento, como se vende un festival?
R: O festival deste ano é para reinventar o festival. Queremos traballar coa xente de toda a industria galega, coas institucións públicas e privadas, para reinventar o festival entre todos nestas xornadas. Queremos reflexionar sobre o que ten que ter o festival para convertilo nalgo significativo e poder vendelo.
P: Vai continuar a batalla Cineuropa-Ourense? Ata o de agora competiron nas mesmas datas e pelexaron polas subvencións,...
R: Desgraciadamente coinciden, agora mesmo non está nas nosas mans arranxalo porque as datas están feitas de antes, pero é unha triste estupidez. Iso non pode pasar máis. Imos buscar datas máis axeitadas, aínda que non é doado, porque hai moitos festivais. Non sei para que valen tantos, non podemos facer 27 distintos, ten que haber unha centralizadora para colaborar con outros festivais.
Promocionar a cultura, non o turismo
P: Hai quizais unha saturación?
R: Está ben que haxa variedade. Pero eu teño moi asumida a política europea e francamente, o de facer máis festivais non está nada ben visto porque a maior parte é diñeiro público e a maioría son para facer promoción turística. Os festivais que se defenden dende a UE son os que serven para desenvolver a cultura e a industria cinematográfica. Se é para promover o turismo, moi ben, pero non será o mesmo. Será unha festa como a do polbo, que está ben, pero é outra cousa. Galicia ten que ter aí un pouco de ambición, levantar un pouquiño o espírito. Non hai tempo neste negocio, e a xente que traballa non pode estar en cada cocktail.
P: Hai bos proxectos en Galicia para presentar?
R: Todo proxecto é bo se se fai ben. Hai anos que en Galicia hai moita xente que coñece o camiño, pero falta que comprendan que teñen máis ferramentas e que as cousas son máis complexas, que un guión pode levar un ano ou dous.
'As subvencións están ben ata a maioría de idade'
P: O audiovisual galego é moi dependente da subvención?
R: As subvencións están aí, non estou contra elas, hai que telas mentres o panorama industrial non esta o suficientemente desenvolvido. Defendo a subvención nos primeiros anos, porque non podes poñer a competir a un neno de 12 anos cun adulto. Pero cando xa son grandiños, que marchen de casa. A industria europea e americana xa é grande e ten forza para competir, a galega aínda non.
P: Cando acadará a maioría de idade?
R: Iso depende. Pero non son máis de cinco ou dez anos. Ademais hai leis detrás de mercado internacional que van obrigar a que non haxa tanta subvención, para que haxa competencia, pero aquí temos que acollernos á excepción cultural. Teñen que permitirnos un pouco máis desenvolvemento, e tamén que as subvencións se dean correctamente.
P: Cre que Galicia debe apostar pola coprodución?
R: A coprodución é a clave de facer cine que viaxe. Non é só conseguir diñeiro doutros sitios, senón tamén espectadores, porque o país que coproduce con nós xa está proxectando ese programa noutro país. E non ten por que significar unha renuncia á identidade. Non hai coprodución de calidade se non ten raíces propias. Pero os temas teñen que ser universais. Shakespeare sabía eso, el tiña o truco da cebola, que facía gozar igual ao máis sinxelo e ao máis instruído, porque tiña moitas capas.
'A TV descubriu como facer diñeiro coa merda'
P: Como ex director de La2, como ve o panorama da televisión en España?
R: Pasaron moitos anos e o panorama é deplorable. Vexo indicio dalgunhas melloras, pero moi pequenas. Cómpre unha mellor regulación xeral para que o sistema público e privado sexan alternativas e non competencia e que a TV pública sexa pública de verdade. É unha batalla difícil con resultados negativos para o país. A televisión está en crise, tamén en termos industriais. A oferta que hai é cada vez de menor calidade.
P: Cre que é abandono ou hai unha perversión?
R: É unha cousa particular española. Visto dende fóra é de tolos. O New York Times publicaba hai pouco un artigo no que dicía que os españois descubriran o método para facer diñeiro coa merda, e é verdade. A televisión é a cara dun país, se non temos coidado con eso, a sociedade sofre. O que se ve, imítase. Non é cuestión de censura, senón de autorregulación.
17/11/2007