AGN.
Aproximadamente vinte veciños do barrio de Coruxo pecháronse no Concello de Vigo para reclamar unha solución ao mal funcionamento da depuradora do río Lagares e a creación dun plan de evacuación.
Este encerro, que impedíu hoxe unha rolda de prensa do alcalde vigués, Abel Caballero, chega despois de que 16 familias tivesen que ser desaloxadas por mor dos cheiros da depuradora, o 6 de novembro. Estas familias volveron ás súas casas o día seguinte, pero iso non soluciona os constantes problemas da estación de augas do Lagares.
Os representantes dos veciños pegaron carteis por toda a sala do Concello e anunciaron que non abandonarán o edificio ata que se lles garanta que realizará un plan de evacuación de emerxencia para situacións coma a do día 6.
A multa da Unión Europea
O mal funcionamento da depuradora do Lagares, entre outros factores, foi a causa de que a Unión Europea ameazase a España cunha multa de 95 millóns de euros pola elevada contaminación da Ría de Vigo. O concello prometeu, xa en decembro de 2005, durante o mandato de Corina Porro, que se construiría unha nova depuradora para substituir á actual.
16/11/2007