Aida Mosquera. AGN.
Mbuyi Kabunda é profesor de Relacións Internacionais na Universidade de Basilea (Suíza) e membro do Instituto de Estudos Africanos da Universidade Autónoma de Madrid. Defínese a si mesmo como "misioneiro do africanismo" e critica duramente as políticas de corte occidental que lastran o desenvolvemento de África. Dentro do simposio internacional Pobre mundo rico, achegou a Galicia 'O paradoxo de África: un continente rico poboado de pobres'.
Pregunta: África é un continente con gran cantidade de recursos naturais e á vez dunha pobreza inigualable, cal é o motivo desta contradición?
Resposta: A verdade é que se trata dun gran paradoxo. Desde logo que os africanos son moi pobres en relación coa riqueza que teñen os seus países. África ten innumerables reservas de materias primas, moi cotizadas nos mercados internacionais e, dado que a propia natureza das economías africanas non permite a acumulación interna do capital, toda a produción é exportada en lugar de consumida.
Outra causa desta contradición é o mimetismo do modelo occidental, que consiste en dar prioridade á industrialización. Isto é unha falsa idea porque África é ante todo un continente agrícola.
P: Este mimetismo, é base tal vez da eterna débeda externa do continente africano?
R: Sen dúbida, do mesmo xeito que o é a corrupción e as prácticas depredadoras dos gobernos occidentais, que se serven do público para o seu propio beneficio e deixan para o aforro interno dos pobos africanos un mísero vinte por cento do Produto Interior Bruto do continente.
Por non falar dos conflitos armados, que non só afectan dunha forma negativa ao capital humano, senón que ademais conducen á destrución do tecido económico, dando prioridade ao gasto en defensa e compra de armas. Os gobernos endebedados prefiren armarse non contra un inimigo externo, senón para disuadir aos seus pobos.
O problema das políticas occidentais
P: E as axudas para o desenvolvemento? Cal é o destino dese diñeiro?
R: En realidade a axuda foi un fracaso, sae dos ricos de países ricos cara aos ricos de países pobres. As vacas son máis importantes que os africanos para os países ricos. A Unión Europea destina doce euros para o mantemento dunha vaca, e apenas un euro por persoa. Esta política agrícola fai moitísimo dano aos africanos, de feito se se eliminase, xunto coa débeda externa, África gañaría anualmente 700.000 millóns de dólares.
P: Trátase dun círculo vicioso?
R: Si, e a crúa realidade é que a axuda para o desenvolvemento serviu para todo menos para o desenvolvemento. O afán das multinacionais polo control do mercado das materias primas só fomentan os conflitos e, con eles, novas débedas. Os países africanos teñen que endebedarse para pagar as antigas débedas deste mecanismo perverso, que converte ao continente nun neto exportador de capitais.
P: Existen solucións ou alternativas para un desenvolvemento auténtico e sostible?
R: Para loitar contra a pobreza fai falta loitar contra os factores que a producen, o que fai necesario un modelo de desenvolvemento diferente ao occidental. Algo socialmente xusto, humanamente central e economicamente sostible, é dicir, algo que poña o desenvolvemento económico ao servizo do desenvolvemento social. Hai que investir nas persoas, e non nos factores monetarios. Ademais cómpre abandonar o mimetismo do modelo occidental, dando prioridade á agricultura e conseguindo unha autosuficiencia alimentaria.
A voz do pobo
P: Os movementos cívicos e as revoltas campesiñas representan realmente a voz do pobo?
R: Si, hai que favorecer o exercicio democrático do poder mediante a participación en movementos da sociedade civil e a concepción e execución dos proxectos de desenvolvemento, que non deben estar exclusivamente en mans dos gobernos. Son os representantes destes pobos os que deben definir as prioridades no desenvolvemento, deixando o económico a un lado e quedándose co social e sanitario.
P: Confía en que estes movementos sociais constrúan un futuro mellor?
R: Confío nunha xustiza social a escala planetaria. Podo ser utópico pero quen non o é simplemente está morto, e as utopías de hoxe son as realidades de mañá. Estas solucións son realistas, e quen non o vexa así ten un problema, ou é el mesmo un problema.
A través de todas as experiencias anteriores de desenvolvemento, África vai a peor. África vai cara atrás por mor das políticas torpes, das prácticas internacionais perversas que só levan a inxustizas institucionalizadas. Sei que estas alternativas funcionarán, que todo irá a mellor e que o social será o realmente importante, porque é o que fai rico a un continente.
16/11/2007