Xeración.
María Amelia, a avoa blogueira de Muxía, é a gañadora deste ano do premio BOB á mellor bitácora en español. Aos seus 95 anos, pasa por ser cando menos unha das blogueiras máis anciás do mundo, e a bitácora dende a que amosa as súas lembranzas e a súa visión do mundo conquistou este ano un dos premios internacionales de blogs da Deutsche Welle.
A bitácora da avoa de Muxía foi seleccionada por un xurado de entre unha lista con dez candidatos que foran votados previamente polos internautas. O xurado destacou do blog "o impulso que supón para outras persoas maiores para adentrarse neste medio de comunicación".
O blog de María Amelia botou a andar o pasado 23 de decembro, o mesmo día que cumpría 95 anos. Segundo relata na bitácora, "o meu neto como é cutre regaloume un blog". Dende daquela, a avoa dicta e o neto teclea e o ritmo de actualización é constante, igual que o ritmo ao que medran os seguidores desta avoa da blogosfera. Despois de saír como a blogueira máis ancián en numerosos medios de comunicación, a popularidade desta muxiana foi en ascenso e a súa bitácora bate récords de comentarios e visitas dende todos os recantos do mundo.
Outros galardóns
O premio BOB deste ano á mellor bitácora levouno o fotolog bielorruso Foto-Griffoneurei, onde unha moza xornalista recolle o día a día do seu país en fotorafías en branco e negro. O premio local, ao mellor blog en alemán, recaeu en Behindertenparkplatz (Aparcamento para minusválidos), elaborado por unha xornalista que relata como é a vida diaria dende unha cadeira de rodas.
Ademais, os BOBs distinguiron, na categoría 'Reporteiros sen Fronteiras' a Jotman, unha bitácora tailandesa que informou da revolución azafrán vivida en Birmania, que saltou aos medios convencionais grazas á web, onde se difundiron fotos, vídeos e crónicas da brutal represión contra os monxes budistas e os cidadáns que secundaron as súas protestas.
Una edición polémica
A edición deste ano dos premios BOBs foi unha das máis accidentadas, tras emitírense unha gran cantidade de votos na súa páxina en internet que a administración dos BOBs calificou de fraudulentos.
A organización descartou numerosos votos emitidos durante o período de tempo que considerou que o sistema estivo manipulado por un grupo de piratas informáticos que tentaban desvirtuar o concurso. Esta decisión valeulle moitas críticas á Deutsche Well, pola reviravolta que supuxo nos rankings eliminar de pronto esta cantidade de votos.
16/11/2007