Datos de interés

  • Xoves 24.07.2008

Entrevista

Vicente Aranda: ''O cine español debería falar de temas locais''


Etiquetas: cine, Vicente Aranda

Anxa Correa. AGN.

"Sobrevivín a 12 homenaxes, e espero sobrevivir a este tamén", afirmou o director Vicente Aranda momentos antes de recoller o Premio Cineuropa en Santiago, onde presentou o seu último filme, Canciones de amor en Lolita's Club. Este animal cinematográfico, que "leva rodando unha película cada dous anos desde hai case 50", fai cine para que "os que me sobrevivan non se avergoñen de min".

Pregunta: As súas películas adoitan retratar a unha muller dominada ou dominadora, no caso de Canciones de amor en Lolita's Club a que modelo responde?

Resposta: Non mo preguntei. Creo que entra inevitablemente no prototipo da muller fatal, logo achégase á castradora, pero en cambio non o é. É unha variante. En Amantes, unha era a castradora e outra a violada, aquí está máis preto de Victoria Abril, pero é coma se optase pola forma emocional en lugar de por a forma física. Isto estableceu unha diferenza bastante notable.

P: Cales son as maiores dificultades coas que se atopou para levar á gran pantalla esta obra de Juan Marsé?

R: Non tiven grandes dificultades, a maior era conseguir rodar, que se ía aprazando. Eran problemas de produción, pero eu escribín con certa rapidez. Son partidario da rapidez, non podo estar un ano escribindo un guión, se aos tres meses non o acabei, déixoo, se non parece que me aburro. Son partidario tamén de rodar rápido, non quero estar dez semanas rodando, se se pode rodar en seis. Para iso, necesito estar a traballar todo o tempo, cun guión, adminístroo e estou a traballar día e noite, ata durmindo.

P: Esta rapidez, non leva a graves erros?

R: Creo que teño moito coidado de non exercer como tirano. Durante a rodaxe, a película enténdena o director e dous máis, e todo o mundo obedece. Pode parecer tiranía, pero o que son é esixente e soberbio, creo no que fago e paréceme que o fago ben, dedícolle a miña vida, teño unha relación co cine de arte, non de industria.

''Espero a ser comprendido''
P
: Tras máis de 40 anos de traxectoria, que espera do cine?

R: Non sei exactamente o que espero. Espero sempre o mesmo, pero nunca se produce. Estou esperando a ser comprendido, porque utilizo varios niveis de lectura nas películas. Non lle pido ao público que intelectualice todo, pero sobre todo quen escribe na prensa, gustaríame que reflexionasen acerca das intencións que ten un autor, e logo que me maldigan ou bendigan. É unha aspiración moi difícil de conseguir. Nin sequera eu o aplico, de cando en cando vexo unha película dúas veces, e teriamos que velas tres.

P: As súas intencións, en todo caso, son ben distintas ás que pode ter un Fernando León en Princesas cando describe o mundo da prostitución...

R: Si, non teñen nada que ver. As prostitutas que eu describo non teñen nada que ver coas deducións que tivo el. Ademais, non se centra no tema da prostitución en si, senón na emocionalidade e na intelectualidade. A min saíume que existe esta contradición: unha cousa é ser brillante e outra é suscitar amor, entregar amor e recibir amor. E que o un pode estar en contradición co outro. Isto leva a unha derivación na que o personaxe principal prefire prescindir da intelixencia e entregarse á emocionalidade. É a conclusión á que chegaron os personaxes.

Os temas locais no cine
P
: Ao seu xuízo, que situación atravesa o cine español?

R: Creo que o cine español ten un defecto grave, e é que non fala de temas locais, de temas españois. Iso é debido seguramente a que este non é un país con grandes conflitos, non é un país como Estados Unidos que presenta as súas contradicións máis terribles, e onde un cineasta se pode dedicar a apoiar determinadas teses porque son importantes. Éste é un país tranquilo. Hai un problema cos vascos, pero parece que llo deixamos a eles. É curioso que do 11-M aínda non saia unha película.

Creo que teriamos que centrarnos en películas que poidan interesar aos cidadáns de aquí. Aparentemente, 13 rosas implícase nisto, pero hai algo que experimentei en Libertarias, e é que hai dúas Españas. As dúas Españas xuntas son pouco público para o noso cine, e o público potencial é baixo con respecto á poboación, e se encima por razóns políticas se negan a ver a película, é un desastre.

16/11/2007

5'0 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Vicente Aranda, en Santiago, trala presentación do seu último filme (Foto: AGN)
Vicente Aranda, en Santiago, trala presentación do seu último filme (Foto: AGN)

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso