AGN.
A obra A choiva do mundo do avogado e profesor de Dereito Xosé Manuel Pacho Blanco, obtivo o XIX Premio de Narrativa Torrente Ballester, convocado pola Deputación da Coruña. O galardón está dotado con 25.000 euros e a publicación da obra premiada.
Tras facerse público o fallo, o presidente da Deputación coruñesa, Salvador Fernández Moreda, manifestou que o xurado se decantou "por unanimidade" por esta obra. Ao seu xuízo, A choiva do mundo "constitúe unha aposta de vangarda na construción dun texto extraordinariamente rico" en forma de "mosaico fragmentario que supera os xéneros literarios".
Ao concurso presentáronse 300 orixinais, dos que 23 son en galego e os restantes 273 en castelán. Os textos chegaron procedentes de 18 países, entre eles España, Colombia, Estados Unidos, Arxentina, Suecia, Israel, Alemaña, Inglaterra, Francia, México, Perú ou Panamá.
"Grandes temas de sempre"
O crítico literario Ángel Basanta, voceiro do xurado, cualificou a obra de Pacho Blanco como "unha aposta literaria de primeirísima magnitude". Como fío condutor emprega "os grandes temas de sempre para reflexionar sobre a complexidade do ser humano".
Presidido por Fernández Moreda, o xurado estivo composto por Caridad González Cerviño, responsable de Cultura na Deputación; os críticos literarios Mercedes Monmany, Ángel Basanta, Amalia Iglesias, Ignacio Martínez de Pisón, José María Paz Gago, José Antonio Ponte e José Manuel Pozuelo Yvancos.
15/11/2007