Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Cuantiosos danos materiais

Rubalcaba cre que a bomba en Cangas é obra de "grupos independentistas"


Etiquetas: sucesos, Cangas

Xeración /Axencias (Santiago).

O ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, relacionou con "grupos independentistas radicais e violentos" a colocación do artefacto explosivo que esta madrugada estourou no concello pontevedrés de Cangas.

Respecto da cantidade e do tipo de explosivo empregado, Rubalcaba asegurou que ámbolos dous datos están aínda sen confirmar. Aínda así, as primeiras hipóteses dos expertos na investigación apuntan a que o artefacto que estoupou se compoñía de entre 4 e 5 quilos de cloratita, á vista dos danos materiais que provocou a honda expansiva da explosión. A cloratita é unha aleación de clorato potásico, xofre e azucre que permite unha fabricación caseira.

Presisamente á fabricación caseira do artefacto referiuse o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras. Nesta liña, confirmou que o cheiro a pólvora no lugar da explosión e os cuantiosos danos fan pensar "nun artefacto composto de cloratita". De tódolos xeitos, o delegado do Goberno pediu "paciencia", ata que se coñezan os resultados oficiais da investigación.

Dúas liñas de investigación
Polo de agora, a Garda Civil mantén abertas dúas liñas de investigación sobre a autoría do artefacto explosivo. Non se descarta por agora que a explosión obedeza a un atraque contra o dono da inmobiliaria por "motivos persoais do ámbito laboral".

A hipótese con máis forza apunta a que detrás da autoría estea "un grupo independentista violento". Con todo, fontes da Garda Civil aseguran que existen algunhas diferenzas respecto aos outros ataques atribuídos ao grupo Resistencia Galega: na parroquia da Ramallosa en Teo, en Nigrán e en Cangas.

Os feitos
A bomba estourou esta madrugada fronte a unha inmboliliaria en Cangas, no barrio do Forte. Non houbo feridos, aínda que se produciron importantes danos materiais, segundo informou a Policía Local. O suceso ocorreu cara as 2.25 da noite, a cen metros da sé do Concello.

"Había gran cantidade de fiestras rotas das casas adxacentes e portas rebentadas", explicou a Policía Local. Ademais, o local da empresa inmobiliaria quedou totalmente destruído. Despois de comprobar a gravidade, a policía desaloxou ós veciños do edificio durante a noite, se ben puideron regresar ás súas casas esta mesma mañá.

A segunda bomba, trala pota a presión
É o segundo artefacto explosivo que se atopa no municipio de Cangas en seis meses. O 9 de maio, a Garda Civil inutilizou outra bomba atopada dentro dunha pota a presión, fronte a un solar en construcción do lugar de Darbo.

Daquela, a carón da pota atopárase unha nota que reivindicaba a autoría do grupo Resistencia Galega, que a finais de marzo xa empregara un método similar nunha obra na parroquia da Ramallosa, no municipio pontevedrés de Nigrán.

15/11/2007

4'8 (6 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Rubalcaba, nun mitin en Vigo (Foto: AGN)
Rubalcaba, nun mitin en Vigo (Foto: AGN)
Inmobiliaria afectada pola explosión (Foto: AGN)
Inmobiliaria afectada pola explosión (Foto: AGN)

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso