L-V.
O Pontevedra foi capaz. O equipo granate venceu a todo un Zaragoza nun partido no que os maños pecaron de exceso de confianza durante boa parte do encontro, mentres os granates a foron gañando paseniñamente ata marcar o merecido gol da vitoria. Víctor Ormazabal, a dez minutos do final do encontro, deulle vantaxe aos galegos de cara ao partido de volta.
Haberá que roelo. Será despois do Nadal, pero os de Víctor Fernández xa foron advertidos do que é capaz o Pontevedra. Gañou con merecemento e ao Zaragoza tocaralle sufrir. Os aragoneneses comezaron o partido convencidos da súa superioridade. Tanto, que tocaron e tocaron o balón, pero sen sorpresa nin velocidade ningunha. Pases horizontais e sen perigo nin risco foron controlados por un Pontevedra que tampouco quixo arriscar demasiado.
A recompensa da espera
Os granates agardaron sen atrancos atrás esperando que algún balón longo lles dera a súa oportunidade. De feito, a primeira ocasión do encontro foi de Bianchi, aínda que o seu disparo foi moi frouxo e desviado. Aí espertou o Zaragoza. Perdoou Óscar nunha boa combinación maña e o colexiado perdooulle tamén o cartón vermello a Vázquez, que agarrou a Oliveira cando xa miraba a portería de Saizar.
No entanto, na segunda parte o Pontevedra creu nas súas opcións. Aceptou a batalla co Zaragoza e lanzou perigosos contraataques que impedían aos maños controlar o partido. Así, Ormazabal aproveitaba unha boa xogada para aumentar a festa de Pasarón. O Pontevedra gañoulle a un grande e volveu o “¡Hai que roelo!”.
14/11/2007