Datos de interés

  • Sábado 04.07.2009

Proposta de reforma da LOREG

Reforma do voto emigrante: o escollo das autonómicas


Etiquetas: BNG, PSdeG, PPdeG, voto emigrante, eleccións

Mónica Sequeiro. AGN (Santiago).

Os socios de Goberno, PSdeG e BNG, teñen claras as súas diferenzas á hora de reformar o voto emigrante: o problema está nas autonómicas. Mentres, o PPdeG segue próximo á postura dos socialistas, xa que rexeitan de plano limitar o voto dos emigrantes máis aló das eleccións municipais, fronte aos nacionalistas que queren eliminalo nas autonómicas.

O portavoz parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, insta a eliminar o voto exterior para as eleccións municipais e as autonómicas, ademais de limitalo nas xerais e europeas. O PSdeG afirma que "non está disposto" a limitar este dereito ao voto máis aló das locais, segundo constatou o seu portavoz Ismael Rego, nunha postura moi similar á manifestada polo deputado popular Aurelio Miras Portugal.

Os tres partidos celebraron esta tarde a segunda reunión para avanzar nunha proposta conxunta de reforma da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG). O único que se constatou neste novo encontro é que segue habendo "diferentes posicións", segundo recoñeceu o propio conselleiro de Presidencia, José Luís Méndez Romeu, quen volveu presidir a xuntanza. Recoñeceu que esta fase de presentar propostas vai durar un tempo, pero confía en que "produza froitos".

Dentro de quince días, PSdeG e PP comprometéronse a levar os seus textos articulados da proposición de lei que posteriormente se presentará no Congreso para o seu debate e votación. O BNG ten sobre a mesa a súa proposta xa elaborada e anunciada, pondo de manifesto que "non imos a apoiar unha reforma da LOREG que só sexa para o voto en urna", a cuestión que socialistas e populares sitúan como fundamental.

"Reducionismo dos comicios autonómicos"
Aymerich insistiu en que o BNG quere que se aborde nesta reforma "quen debe votar, en que eleccións e como", e estas tres cuestións teñen para os nacionalistas "o mesmo rango". Rego, pola súa parte, xa advertiu de que o PSdeG non está polo labor de "limitar dereitos dos cidadáns que teñen nacionalidade española" e instou a volver ao "punto de encontro" que se estableceu respecto diso na proposta de reforma do Estatuto de Galicia.

Ademais, instou ao BNG a explicar por que quere manter o voto da emigración, aínda que con limitacións, para as xerais e non para as autonómicas. Considera que isto é un "reducionismo" dos comicios galegos coma se se considerasen "menos políticos" que os estatais.

O deputado do PPdeG Aurelio Miras Portugal tamén rexeitou calquera proposición de lei para o Congreso que "trate de recurtar os dereitos", non só dos emigrantes, senón da propia comunidade autónoma. Así, insistiu en que computen os galegos no exterior, para todos os efectos, tanto a nivel electoral, para determinar o número de escanos, como para os recursos económicos.

"A todos os efectos"

Este punto parece un dos poucos nos que non hai diferenzas entre os tres grupos, xa que é unha cuestión que tamén leva o Bloque na súa proposta: a reclamación de que os emigrantes "conten a todos os efectos".

Outro aspecto no que hai consenso de partida é na necesidade de depurar o Censo Español de Residentes no Estranxeiro (CERE) para que nas próximas eleccións xerais de 2008 "non se repita o espectáculo das municipais" co voto emigrante, segundo Aymerich.

14/11/2007

4'5 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Reunión dos voceiros parlamentarios co conselleiro da Presidencia, Méndez Romeu (AGN)
Reunión dos voceiros parlamentarios co conselleiro da Presidencia, Méndez Romeu (AGN)

Buscar máis información sobre







Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso