Axencias (Santiago).
Un total de 16 funcionarios foron detidos no marco dun operativo policial despregado no Concello de Madrid. A Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil levou a cabo nove rexistros simultáneos en varias sés municipais, en concreto na delegación de Medio Ambiente e na Xerencia de Urbanismo.
Segundo confirmaron fontes policiais, a operación, bautizada co nome de 'Guateque', emprendeuse en virtude dunha presunta "trama de corrupción de funcionarios". O vicealcalde de Madrid, Manuel Cobo, precisou que a investigación afecta a funcionarios con moitos anos de antigüidade no consistorio, que supostamente cobraban comisións a cambio de retrasar a tramitación de expedientes, en concreto, de licencias de locais.
Pola súa banda, o alcalde de Madrid, Alberto Ruíz-Gallardón, asegurou que "non se vai tolerar" ningún tipo de actuación irregular do persoal que traballe no Concello. "Este tipo de actuacións -dixo- non poden poñer en cuestión o traballo dos miles de funcionarios que traballan con honradez para os madrileños".
Seguen os rexistros
Os detidos están acusados de presuntos delitos de cohecho, prevaricación e tráfico de influencias. Non se descarta que se produzan máis arrestos nas vindeiras horas.
Nesta liña, os axentes xudiciais continúan cos rexistros, entre eles o do despacho de Pablo Valle, ex funcionario de Urbanismo, vencellado a Monserrat Corulla. Esta última era a presunta testaferro de Juan Antonio Roca, o suposto cerebro da trama de corrupción urbanística en Marbella.
Funcionarios con anos de 'dedicación'
A "inmensa maioría" dos investigados son empregados públicos "con moito tempo" de dedicación ó Concello de Madrid, indicou Cobo. Entre eles, segundo dixo, non figura ningún concelleiro, alto cargo, director xeral ou persoal de libre designación responsable das áreas e sés rexistradas. O vicealcalde, que exculpou ós concelleiros, explicou que os funcionarios cobraban comisións a cambio de axilizar a tramitación de licencias de apertura de locais comerciais, dende restaurantes a tendas ou discotecas.
Trátase dun dispositivo que corre da conta do xulgado de instrución número 2 de Madrid, Juan Santiago Torres, quen decretou o segredo do sumario. O Concello de Madrid leva colaborando cos xuíces dende o pasado agosto, cando se descubriu a trama. No marco da investigación producíronse numerosas intervencións telefónicas, cuns dez teléfonos pinchados. As sospeitas xurdiron "a raíz da denuncia dun particular", explicou Cobo.
As titulares de Medio Ambiente e Urbanismo, "inocentes"
O vicerexidor madrileño non soubo concretar a canto ascendían as comisións que cobraban os devanditos funcionarios, pero afianzouse en remarcasr que a investigación non se lanzou contra o Concello, senón contra persoal concreto. Ademais das sés municipais, producíronse tamén rexistros en casas particulares e empresas, onde a Policía Xudicial se incautou de diversa documentación e varios ordenadores.
Manuel Cobo quixo deixar claro tamén que os actuais titulares de Medio Ambiente, Ana Botella, e Urbanismo, Pilar Martínez, "son inocentes". A proba, ó seu xuízo, reside en que ocuparon os seus cargos en maio, e o cobro de comisións é moi anterior. En contra do que se sostivo nun primeiro momento, o vicealcalde madrileño asegurou que esta investigación "non tén nada que ver nin coa Operación Malaya nin con operacións urbanísticas".
14/11/2007