LV.
Carlos Mouriño, presidente do Celta de Vigo, mostrouse convencido, malia recoñecer a existencia du nha débeda próxima aos 84 millóns de euros, case o triplo do admitido ata o de agora, de que o conxunto galego pode ser “viable”.
“De nada serve enganarnos a nós mesmos e aos demais. Temos que partir da situación real. As contas reflicten fielmente a situación económica do Celta”, sinalou o presidente celeste, despois de que a semana pasada aparecesen publicadas na prensa as contas do club.
O desfasamento provén da época de Horacio Gómez
Carlos Mouriño, que asegurou asumir unicamente “a responsabilidade, moi grande, de baixar o equipo a Segunda”, xa que como insistiu “do resto, non asumo ningunha responsabilidade”, explicou que o desfasamento provén da época de Horacio Gómez .
“Se non me equivoco, Catanha marchou hai catro anos do club, e con todo, seguía figurando na contabilidade como un activo por 3,8 millóns de euros. O mesmo pasaba co arxentino Sebastián Méndez”, asegurou.
Está convencido de que o club é viable
No entanto, Mouriño, que chegou á presidencia en maio de 2006 tras adquirir o paquete maioritario de accións ao anterior presidente Horacio Gómez, mostrouse convencido da viabilidade do cadro vigués e negou calquera posibilidade de abandonalo.
“Cremos que podemos manexar a débeda e facer viable este club. Sabemos o que se nos vén encima, pero non queremos que nos poidan chamar irresponsables. "Plan Xeral de Contabilidade hai só un, e nós aplicámolo con criterio”, explicou o presidente celeste. “Presentamos as contas reais, pero iso non significa que abandonemos, como ocorreu noutros lugares. Nós imos quedar e imos pelexar moi forte".
O club propón unha ampliación de capital
Para facer fronte á situación, o consello de administración propuxo unha ampliación de capital duns 50 millóns, sobre a que Mouriño precisou que ten como obxectivo “a estabilidade económica”, xa que “non precisa nin busca ampliacións para conseguir a maioría das accións, porque xa ten esa maioría”.
Ademais,rexeitou acudir á Lei Concursal e revelou que Nagore, ex do Celta e xogador doumancia, foi ao club para reclamar unha débeda “que non está nas contas” e que tamén se lle deben cartos a José Ignacio e Juan Sánchez.
14/11/2007